Dereitos e liberdade para o galego

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, analiza neste artigo as últimas polémicas en torno ao galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/03/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Segundo o artigo 5 do Estatuto de autonomía en Galiza hai dúas linguas cooficiais. Unha é o galego, a propia de Galiza. 

Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.
Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.

 

Porén, unha sentenza do TSXG confirmada polo TS contra a ordenanza de uso do galego do Concello de Lugo, veu afirmar que só unha precisa ser vixiada e tutelada. Só para unha se poñen condicións para afirmar que é oficial. Só no caso de se empregar unha se obriga a engadir a outra na rotulación oficial. Só para unha se impide que as empresas emprestadoras de servizos públicos garantan a posibilidade de empregala. Só para unha se limita a formación do funcionariado.

 

Para a mesma na que prohibiron as matemáticas ou a física e química. Para a mesma na que temos que padecer coaccións para deixármola de usar en empresas ou estabelecementos públicos ou privados. Para a mesma na que aínda hoxe non podemos facer pagamentos bancarios obrigatorios, como taxas ou multas municipais, impostos en Facenda ou trámites na Seguridade Social. 

 

Para a mesma que se mantén nun 4% na educación infantil, nun 4% da programación televisiva, nun 4,6 dos xoguetes, ou menos do 1% nos seguros.

 

Esta liberdade vixiada, condicionada, limitada a un teito máximo de 5%, é só para o galego. Só o castelán pode gozar da omnipresenza á forza, tamén, de sentenzas e das máis de 500 disposicións legais que no Estado español impoñen ou seu uso excluínte e exclusivo.

 

Coincide esta sentenza do poder xudicial, que emite en galego menos do 5%

das sentenzas, e cunha enorme taxa de analfabetismo voluntario en galego, co retorno da ofensiva da extrema dereita que anunciou de novo a prohibición de requirir ao funcionariado o coñecemento da lingua propia, o único que pode garantir o dereito da cidadanía a empregala.

 

 

Sen oficialidade real, sen dereito de uso, sen opcións de uso, sen visibilidade, sen audibilidade, non hai liberdade posíbel. Onde está a liberdade e o dereito de uso para o galego? 

 

Outra vez temos que reaxir para defender os dereitos lingüísticos, que son dereitos humanos, e a liberdade para a lingua galega, que é tamén a defensa do desenvolvemento social, económico e cultural e da democracia en Galiza. 

Comezamos en Lugo defendendo a ordenanza de uso do galego. Seguiremos o 17 de maio en ducias de prazas e rúas de todo o país. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Mas valeria que contratassem uns bons advogados donde seja, na Galiza, Madrid, Bruxelas ou Nova York para que defendam o idioma galego nos tribunais, chegando até onde tenhamos que chegarmos. E de passo que tal a bi normativa que nos permita disfrutar de todos os contidos do português do Brasil?