Campaña da CIG-Ensino para "reverter os 15 anos do decreto do plurilingüismo"

O sindicato incide en que o problema está en que "non se garante unha mínima competencia" en galego, polo que "é imposible que se use"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2025 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

CIG-Ensino presentou este mércores a súa campaña para este curso escolar, 'Eu Ensino en Galego', coa que buscará "darlle a volta" aos datos "alarmantes" do IGE sobre o galego e "reverter os efectos de 15 anos do decreto do plurilingüismo".

Os obxectivos da iniciativa detalláronse esta mañá en Santiago, nunha comparecencia de prensa ofrecida pola secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo; a responsable de Formación, Ana Rodiño; e pola docente de Lingua e delegada sindical, Sofía Rama.

Esta última foi a encargada de realizar a Guía de actualización do Plan Lingüístico de Centro (PLC), que ten á súa vez dúas versións, unha máis reducida para dar a coñecer en que consiste este plan, que deben renovar todos os centros cada catro anos, e outra máis longa coa que se pretende axudar na súa elaboración de forma rigorosa, baixo a coordinación da persoa responsable de dinamización e normalización lingüística, para que durante o tempo de vixencia poida ser aplicado tanto na actividade académica como na extra académica.

Segundo explicaron, a campaña ten unha dobre vertente. Por unha banda, de denuncia dos efectos das políticas lingüísticas, concretamente do Decreto de Plurilingüismo de 2010. Lembran que foi esa medida a que "levou a que, por primeira vez na historia, o galego non sexa o idioma máis falado en Galicia e a datos alarmantes de perda de uso entre a poboación máis nova".

Mediante un cartel co título '15 anos de (Des)creto', pon de manifesto o "total descrédito" para o galego, "desvalorizado, sen prestixio e desterrado" de moitas etapas educativas nas que "nin sequera se mantén un status ritual, como en educación infantil nas cidades ou na Formación Profesional".

CAMPAÑA EN POSITIVO

Doutra banda, presentan unha campaña en positivo con material divulgativo (chapas, colgantes, calendarios, imaxes dixitais, guía para a actualización do proxecto lingüístico do centro...) para visibilizar o compromiso docente e "darlle a volta á situación de emerxencia lingüística".

Nela, interpela directamente ao profesorado para que "visibilice en primeira persoa" que utiliza o galego no seu traballo diario para que tomen consciencia do seu papel como "modelo educativo e social" no ámbito lingüístico, fundamentalmente entre o alumnado e as familias coas que teñen contacto.

Á vez, apuntan, xogan co dobre significado da defensa dun 'Ensino en Galego' como "única saída ante os datos cada vez máis alarmantes de perda de uso e de competencia en galego, precisamente entre a poboación que acaba a escolarización obrigatoria".

Neste sentido, as responsables sindicais incidiron en que o problema está en que "non se garante unha mínima competencia" en galego, polo que "é imposible que se use".

"As cifras son claras. A enquisa do IGE indica que un de cada catro menores de 14 anos afirma non saber falar galego, o dobre que en 2008, polo que só cunha implicación moi activa do profesorado, que ten que facer o que non fai a Xunta, rescatar ao galego da súa situación agónica e concienciar ao resto da comunidade educativa, pódese reverter esta situación", destacaron.

MÁIS MOBILIZACIÓNS E MEDIDAS

Respecto ao decreto e en referencia ao Pacto pola Lingua anunciado pola Xunta o ano pasado, as sindicalistas lembraron que "se lles deixou fóra das conversacións". "Só houbo unha única reunión, informal de todo, sen contido. Non nos deixaron formar parte deses grupos. Tamén tiñamos claro que non iamos formar parte se non se derrogaba o decreto, é esencial", apuntou Laura Arroxo.

Por último, avanzou que o sindicato continúa "abordando posibles mobilizacións e medidas" tras a última manifestación por unha educación pública de calidade celebrada en Santiago. "Non nos pechamos a nada. Cremos que temos que ir en aumento e seguir chamando á porta da Consellería", sinalou.

A responsable de Formación de CIG-Ensino, Ana Rodiño; a secretaria nacional, Laura Arroxo; e a docente de Lingua e delegada sindical, Sofía Rama, en rolda de prensa, en Santiago.. CIG-ENSINO
A responsable de Formación de CIG-Ensino, Ana Rodiño; a secretaria nacional, Laura Arroxo; e a docente de Lingua e delegada sindical, Sofía Rama, en rolda de prensa, en Santiago.. CIG-ENSINO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta