Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/09/2025 | Actualizada ás 12:00
Que a excitación, desexo ou apetencia sexual é inherente ó ser humano parece que non ten moito faladoiro, de aí que as linguas articulen recursos para dar conta desa realidade tan cotiá e universal.
Velaquí a seguir algunhas das posibilidades que presenta o galego para dar a entender que unha persoa anda sexualmente excitada:
Estar/Andar en celo
{= Coloq. Estar unha persoa sexualmente excitada, con moitos desexos de practicar sexo.}
Estar/Andar en celo
Estar/Andar de sazón
[E MAIS]:
Estar/Andar quente da virilla
Ex.: No le riñas, hombre, que bien sabes que nosotros a su edad éramos todo hormonas y andábamos continuamente en celo.
Non lle rifes, ho, que ben sabes que nós no seu tempo eramos todo hormonas e andabamos seguido en celo ‡ de sazón ‡ quentes da virilla.
● Tamén:
Estar/Andar caliente && Estar/Andar salido # cachondo
Estar/Andar quente && Estar/Andar saído # cacheiro # gañoso # grelado # toureiro
Ex.: Non lle rifes, ho, que ben sabes que nós no seu tempo eramos todo hormonas e andabamos seguido quentes ‡ saídos ‡ cacheiros ‡ gañosos ‡ grelados ‡ toureiros.
● E mais tamén, posiblemente con connotacións asociadas a un rexistro aínda máis coloquial ou popular, e mesmo vulgar:
Estar/Andar á(s) xaneira(s) && Estar/Andar de xaneira && Estar/Andar á gachía && Ferverlle o unto
E INDA TAMÉN, con esas mesmas connotacións:
Estar/Andar caliente como un perro # como una perra # como un burro
Estar/Andar quente coma un can # coma unha cadela # coma un burra # coma un burro # coma un cocho && [E MESMO, PROBABLEMENTE MÁIS “SUAVIZADA” EN RELACIÓN COAS ANTERIORES]: Estar/Andar quente coma un forno
E IGUALMENTE, na mesma liña:
(Estar/Andar que) Botarse á freba && Andar botado á freba && Ser botado á freba
Ex.: Non lle rifes, ho, que ben sabes que nós no seu tempo eramos todo hormonas e andabamos seguido á xaneira ‡ eramos todo hormonas e andabamos seguido á gachía ‡ eramos todo hormonas e fervíanos seguido o unto ‡ eramos todo hormonas e andabamos quentes coma cans ‡ eramos todo hormonas e andabamos quentes coma burras ‡ eramos todo hormonas e botabámonos seguido á freba ‡ eramos todo hormonas e andabamos botados á freba ‡ eramos todo hormonas e botados á freba.
● Mesmo tamén, en contextos e con aplicación a persoas de sexo masculino:
Andar empalmado # arreitado
Ex.: Non lle rifes, ho, que ben sabes que nós no seu tempo eramos todo hormonas e andabamos seguido empalmados ‡ arreitados.
● E inda tamén, desta volta aplicadas a persoas de sexo feminino:
Andar alta # alzada && (Andar que) Quecerlle a buxa
[E, COMO SECUENCIAS QUE SE ADOITAN ASOCIAR A UN REXISTRO MOI BRUTO, BASTO, GROSEIRO OU VULGAR]:
Ferverlle a cona && Ter a cona quente && Andar coa cona quente && Andar quente da crica && Andar/Estar coma unha braña
● Así mesmo tamén, en contextos, e sen abandonar o eido da coloquialidade:
Picarlle
Ex.: ¿Qué te pasa? ¿Estás en celo?
¿Que che pasa? ¿Andas en celo ‡ Andas de sazón ‡ Andas quente da virilla ‡ Pícache?
NOTAS:
1. Tal e como se pode apreciar, non é nada estraño que varias das expresións ou voces coas que damos conta da situación de excitación sexual de alguén procedan do ámbito dos animais e migren deste cara ó das persoas (ou, dito doutro xeito, aplícanse en orixe a animais e pasan a se aplicar a persoas), como resulta evidente no caso de andar á xaneira e como posiblemente acontece con, por exemplo, andar/estar toureiro/a e mais con estar alta ou estar alzada.
En relación con isto, e aproveitando a conxuntura, tamén podemos apuntar aquí algunhas locucións usadas para dar conta do período de celo de certos animais, coma por exemplo as seguintes:
Andar ó boi # ó almallo # ó xato && Estar touronda [=estar a vaca en celo]
Andar ó castizo # á casta # ó cocho # ó porco # ó macho # á ganancia [=estar a cocha en celo]
{Polo que atangue á voz “cocho” (e tamén o seu feminino “cocha”), nas zonas en que nós o escoitamos pronúnciase con “o” aberto, fronte ó “cocho” pronunciado con “o” pecho, que fai precisamente referencia ó cortello ou sitio onde se garda o cocho ou porco. Ex.: Para a mata, hai que sacar o cocho [ɔ] do cocho [o]). Sexa como for, isto non quere dicir que sexa así en todas, nin sequera que sexa o xeito de pronunciar máis estendido, pois no DRAG a pronuncia que aparece é con “o” pecho.}
Andar ó carneiro # na tourea [=estar a ovella en celo]
Andar ó castrón # na tourea [=estar a cabra en celo]
Andar ó carraviro [=estar un animal en celo]
2. A locución á gachía é moi posible que derive da interxección gache! ou gachi!, utilizada para escorrentar os gatos (á parte tamén dalgún outro animal, coma por exemplo o cocho).
3. A voz toureiro/a, derivada de touro, intuímos que está relacionada con locucións das que forman parte palabras derivadas tamén de touro, como andar na tourea, rexistrada por Aníbal Otero na obra Vocabulario de San Jorge de Piquín, ou estar touronda (unha vaca), recolleita por Noriega Varela en Como falan os brañegos:
Andar na tourea, en celo (cabras, ovejas). (VSP) |
ESTÁ TOURONDA (unha vaca): Tiene propensión al coito. |
4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no url seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html
- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Publicado en 1985. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns2 [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela.
- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.