O PP de Santiago queda só na súa petición de investigar os supostos "contratos a dedo" no Concello

Compostela Aberta, PSdeG e BNG acusan o Partido Popular de "electoralista" pola guerra dos contratos menores en Santiago. Din que os populares buscan "réditos electorais" cunha denuncia pública "a tres meses das eleccións" á que están dando gran publicidade medios como El Correo Gallego e La Voz de Galicia. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural pide "respecto" para os profesionais.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/03/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A corporación municipal de Santiago tombou a proposta do Grupo Popular para crear unha comisión de investigación sobre os supostos "contratos a dedo" outorgados a entidades e empresas do ámbito da cultura que os populares relacionan co grupo de goberno na capital galega, Compostela Aberta.

A proposición foi rexeitada cos votos en contra de CA e BNG, e a abstención do PSOE durante o pleno extraordinario celebrado este xoves no Pazo de Raxoi no que figuraba como único punto do día a creación da devandita comisión.

Ao comezo do pleno, ao que asistiron varias persoas sinaladas polo PP como beneficiarios dos contratos denunciados, a portavoz da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Clara Cordeiro, leu un comunicado no que reclamou "respecto" para o colectivo e que os partidos políticos "non utilicen" aos profesionais da cultura "para fins electorais".

O debate derivou nunha lea ente o PP e Compostela Aberta. O alcalde santiagués, Martiño Noriega, acusou aos populares de instalarse en "política de estercoleira" para sacar réditos electorais o próximo 26 de maio, mentres que o portavoz do PP no pleno, Alejandro Sánchez Bruenete, asegurou que a marea compostelá creou unha "armazón" de contratos menores para "beneficiar" a "familiares e compañeiros" de proxecto político.

Pleno do Concello de Santiago. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo
Pleno do Concello de Santiago. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

CRUZAMENTO DE REPROCHES

A zona reservada para o público do salón de plenos do Pazo de Raxoi quedouse pequena para a asistencia de medios de comunicación e persoas que presenciaron en directo a sesión. Entre elas, algúns dos sinalados polo PP como beneficiarios dos contratos, como o dramaturgo Quico Cadaval, de Producións Teatrais Excéntricas.

"Hoxe non imos falar de cultura, imos falar de contratación púbica", asegurou ao comezo da súa intervención Alejandro Sánchez Brunete, que foi o encargado de defender a posición dos populares en substitución do seu líder local e candidato de novo á Alcaldía, Agustín Herández.

Este feito mereceu o reproche do alcalde santiagués e cabeza de Compostela Aberta, Martiño Noriega, que lamentou que Agustín Hernández "non dese a cara" defendendo unha "infamia" que, segundo o rexedor, é "responsabilidade" do seu predecesor no cargo.

Noriega censurou o "marco trampa" da "política do esterco" e do "todo vale" que, di, pretende impor o Partido Popular cunha denuncia pública na que "utilizan os medios de comunicación como altofalantes" coa "única finalidade do desgaste" ao grupo de goberno.

"Empregan como vítimas civís a pemes, a cooperativas, a autónomos; atacan ás pequenas empresas e atacan a determinadas organizacións que viven instaladas na cultura do traballo", reprochou o alcalde a un PP ao que acusa de "hipocrisía" por sinalar unhas empresas "que facturaron moito máis" durante o anterior mandato cos populares no goberno da capital.

Neste sentido, tamén acusou ao PP de "ocultar" que as compañías e empresas sinaladas fosen contratadas pola Xunta, "esa institución subversiva", ironizou Noriega, que se mostrou moi duro coa actitude dos populares, aos que acusa de "non respectar o ámbito familiar" e de "danar a imaxe" das entidades sinaladas.

PP: "ARMAZÓN"

Antes da intervención do rexedor, o popular Sánchez Brunete, que chegou mesmo a esgrimir un cartel cun infográfico no que se sinalaban as supostas conexións das entidades beneficiarias dos contratos cos gobernos de Santiago e A Coruña, asegurara que "polo menos 20 empresas de familiares e activistas de primeira liña en polo menos 60 ocasións repartíronse 480.000 euros" das arcas públicas compostelás.

Todo iso constitúe, segundo o relato exposto polo edil popular, unha "armazón" con "prezos alzados" nas contratacións que foron parar "a persoas da contorna" de Compostela Aberta, entre as que situou a parella do propio alcalde.

Ao comezo da súa primeira intervención, Sánchez Brunete quixo enviar unha mensaxe ás persoas sinaladas na denuncia do PP: "Cando se cobra dos contribuíntes, ten que ser a través dun contrato. A elas debería interesarlle que se lles contrate por ser as mellores empresas e non por ser os mellores militantes", espetou.

Fronte os reproches efectuados polo resto de grupos acerca de que o PP non recorrese aos tribunais e si aos medios para denunciar a existencia destes contratos supostamente irregulares, Sánchez Bruente quixo diferenciar entre o control político e o penal.

"Non nos preguntamos se (os contratos) son legais, senón se son éticos. Que non haxa ilegalidades non quere dicir que non se poidan facer reproches políticos", remarcou antes de tachar de "sátrapa" a Martiño Noriega.

"Non buscaban investigar nin debater. Buscaban dar continuidade á infamia", respondeu na quenda de peche o rexedor santiagués, que cre que o PP, coas súas "campañas contra cidades nas que non goberna" lle fai "un fraco favor á política". "O que non saben é que están a traballar para a chegada da extrema dereita a esta cidade", espetou.

BNG E PSOE

Pola súa banda, PSOE e BNG, que coas súas respectivas posturas evitaron que a petición dos populares prosperase, quitaron ferro á denuncia do PP. Para o portavoz socialista, Paco Reyes, máis aló do "abuso" que, di, realiza o goberno santiagués dos contratos menores, nos casos sinalados polo PP "non existe conflito de interese". "A norma non impide (a concesión dun contrato) só porque exista grao de parentesco", lembrou.

Ademais, despois de que Sánchez Brunete (PP) acusase os socialistas de instalarse na "equidistancia" para "encubrir a trama", Reyes mostrou o seu "cansazo" a que tanto PP como CA "dean e quiten certificados" ao Partido Socialista. "Iso decidirano os cidadáns o 26 de maio", engadiu, para logo incidir en que, con esta polémica, "se puxo en cuestión a imaxe" da corporación santiaguesa.

A portavoz do BNG e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, encadrou nun clima "electoral" a denuncia dos populares, quen, ademais de "non ser os máis lexitimado" para "falar de corrupción", deberían recorrer aos tribunais se tiñan constancia de irregularidades na contratación por parte do executivo local.

"Estamos en tempo de eleccións. Desde que se empezou a falar dun pleno extraordinario por este tema ata a súa convocatoria pasaron moitos días", subliñou Sanmartín, quen ve unha "sobreactuación pública" que se desvía "dos problemas que lle preocupan a todo o mundo" en aras de "ter impacto mediático" coa vista posta no 26 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 biparty

Non teñen o que hai que ter para enfrentarse como hai que enfrentarse a verdadeiro cancro que son os medios de comunicación... o dano xa está feito e non aprenden logo chorarán¡¡¡ recordos do biparty