División en Anova polo apoio da dirección a Podemos e EU

Anova Ourense desmárcase da dirección e apoia a candidatura de Luís Villares ás xerais. Critica que non se escoiten ás bases do partido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A asemblea de Anova Ourense acordou apoiar a candidatura en solitario de En Marea ás xerais, polo que se desmarca da dirección nacional do partido que encabeza Antón Sánchez, que rexeita concorrer baixo o partido instrumental á cita coas urnas do 28 de abril e aposta por reeditar a coalición electoral con Esquerda Unida e Podemos.

Segundo recolle un comunicado, as bases de Anova Ourense celebraron unha asemblea o pasado xoves na que realizaron "unha análise moi crítica sobre a situación na que a dirección do partido someteu á fórmula de confluencia durante estes últimos anos con continuos ataques ás decisións tomadas soberanamente polos inscritos de En Marea".

Así, apunta que ditas "decisións" foron tomadas coa participación "tanto da dirección de Anova como a propia militancia do partido" e que, segundo reza o comunicado, "foron constantemente postas en cuestión sen consultar coas bases" pola cúpula da formación nacionalista nada en 2012 baixo o impulso do histórico dirixente Xosé Manuel Beiras.

Neste sentido, Anova Ourense lembra que o partido instrumental En Marea "creouse como unha fórmula de adscrición individual" co obxectivo de "dar voz á cidadanía non organizada en partidos políticos e dándolle todo o poder ás bases", así como para garantir a posibilidade de "obter un grupo parlamentario soberano e propio".

Por tanto, e en liña cos argumentos que esgrime a dirección do partido instrumental que encabeza Luís Villares e á que está enfrontada a cúpula de Anova, as bases ourensás da organización nacionalista censuran que se dean "pasos atrás" cun retorno a "fórmulas de coalición onde a participación nas decisións é nula".

Así as cousas, expresan o seu apoio e respaldo "explícito" á candidatura de En Marea ás eleccións xerais da que se desmarcaron os actores do sector crítico, é dicir, a propia Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia, que preparan unha candidatura alternativa en formato de coalición.

"Queremos apostar por non destruír as ferramentas que tanto traballo nos custou crear e que demostraron ser útiles e que o serían moito máis se as cúpulas das organizacións políticas non estivesen constantemente boicoteando o traballo que se tratou de sacar adiante", remarca Anova Ourense, que expresa o seu pesar polo falecemento o pasado luns de Jon Sáez, candidato á Alcaldía de Ourense por EU en 2011.

I Asemblea de Anova. EUROPA PRESS - Arquivo
I Asemblea de Anova. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Incríble pero certo ! Así como en Vigo Anova colocou a Oriana Méndez (Ferrín) de número 2 e todo indica que en Lugo colocará a Fernán Vello por riba do número un de Podemos Josito, semella que Ourense é fariña de outro costal... xa que David Bruzos vai na lista de Villares ? E menos mal que somos catro ghatos... ¿Como anda a cousa na Coruña? Algún día GC vai ter que facenos un croquis para ver se entendemos algo deste Mundo das Mareas ?