Temas: NARóN POLIGAL

Centos de persoas maniféstanse contra o peche de Poligal

Os empregados aseguran que "ninguén da dirección nin o administrador concursal, do que só se sabe o nome, se puxo en contacto cos traballadores".

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 12/03/2019 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Unhas 1.500 persoas manifestáronse na tarde deste martes polas rúas de Ferrol ao berro de 'Poligal non se pecha', nunha mobilización convocada polo comité de empresa da compañía asentada no polígono industrial da Gándara, en Narón (A Coruña), e dedicada á fabricación de filme de polipropileno para o sector da alimentación.

Unhas 1.500 persoas maniféstanse en Ferrol en contra do peche de Poligal
Unhas 1.500 persoas maniféstanse en Ferrol en contra do peche de Poligal | Fonte: Europa Press

Antes do inicio da manifestación o presidente do comité de empresa, Rafael Souto (UGT), agradeceu "todas as mostras de solidariedade e de apoio" recibidas nos últimos días "de multitude de comités de empresa da comarca, ademais de concellos e de distintas organizacións e institucións".

"Esta é a primeira gran mobilización que realizamos, xa que a partir destes momentos iremos aos poucos intensificando as medidas de protesta", remarca.

Souto tamén trasladou que desde o día no que se lles comunicou a presentación do concurso de acredores e un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para os 108 operarios, o pasado 22 de febreiro, nun xulgado do social de Barcelona, "ninguén da dirección nin o administrador concursal, do que só se sabe o nome, se puxo en contacto cos traballadores".

"É unha inxustiza a medida que tomou a empresa, non a comprendemos, xa que ata o día no que se nos comunica a decisión de pechar a planta, tiñamos traballo, polo que ninguén o esperaba", lamenta.

APOIO POLÍTICO

Na mobilización de apoio aos traballadores de Poligal déronse cita representantes de todos os partidos políticos de Narón, coa súa alcaldesa á fronte, Marián Ferreiro (TeGa), e a maioría de integrantes do goberno tripartito e da oposición.

"Tentaremos desde o goberno local facer todo o posible e apoiaremos aos traballadores para que estas 108 persoas non queden na rúa, tentado mediar para evitar o peche, e se esta empresa decide pechar, que sexa outra a que tome as rendas e que non se perdan estes postos de traballo", afirma Ferreiro.

Con respecto ao ofrecemento por parte da dirección da compañía de recolocar a 20 traballadores noutras plantas da empresa, en Portugal ou Polonia, a rexedora tachou este ofrecemento de "totalmente insuficiente", polo que o rexeita.

Na mobilización tamén participaron a deputada de En Marea no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, o alcalde de Fene, Gumersido Galego (PP), ademais do secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Temas: NARóN POLIGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta