Crónica electoral da campaña

O xornalista Valentín Carrera escribirá varias crónicas electorais durante a campaña do 20N para o GC. Baixo o título" Tenda de campaña: caderno electoral periférico", irá narrando periódicamente as anécdotas da campaña. Nesta primeira peza alude ás enquisas do CIS.

Por Valentin Carrera | Compostela | 05/11/2011 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

Día 1. O susto do CIS

«Tú, gitana que adivinas, me lo digas, pues no lo sé, si saldré de esta aventura o si en ella moriré. Si en ella pierdo la vida o en ella triunfaré”, canta a nova voz feminina de Luar na Lubre que hoxe inicia a súa propia campaña, musical, nese programa de TVG, Luar, que leva vinte anos gañando a votación popular por maioría absoluta. Vén ata na frikipedia [http://www.frikipedia.es/friki/luar] que é o lugar natural onde debería aloxarse a campaña electoral que empezou onte e que se nos antolla friki, friki, friki.

Basta ver o seu algoritmo 20N: a data fatídica da morte de José Antonio Primo de Rivera (fundador de Falange, porque a estas alturas xa ninguén se acordará) e de Francisco Franco, caudillo de España pola Graza de Deus. A mesma terrible data en que Diana de Gales confesou publicamente en TV que cometera adulterio. E vai Zapatero e escolle o 20N para o seu suicidio colectivo: eu suicídome; ti, Rubalcaba, suicídasche, o PSOE se suicida, nós suicidámonos, vós suicidádesvos, eles arrasan.

Por se eran poucas as malas noticias, a campaña almórzase co estudo nº 2.915 do CIS que profetiza 121 escanos do PSOE fronte a 190 do PP, que en Galicia se traduce en 15 deputados para o PP, 6 para o PSdeG e 2 para o BNG. Dito en titulares, soa a catástrofe, pero o PSOE “só” perde un deputado por provincia e o BNG, contra prognósticos agoreiros, mantén o seu chan.

Cos datos pódense facer cábalas: nas Municipais de Maio, o BNG tivo 261.000 votos, pouco menos que nas Autonómicas do 2009 e cincuenta mil votos máis que nas Xerais de 2008. Todo indica que o BNG resistirá, fronte a un PSdeG que se esborralla desde os 750.000 votos en 2008 aos 482.000 do 2009 (29% dos votos, é dicir, o mesmo porcentaxe que agora lle prognostica o CIS) e que, na peor das pesadelas para os de Pachi, o PSdeG podería repetir chan cos 411.000 votos que obtivo nas recentes Municipais.

En canto ao PP reunificado e das JONS, resolto o tumor baltárico, cabalga sobradamente sobre a onda camiño de converterse no partido hexemónico de Galicia, o PRI que agradará aos investidores mexicanos cortejados por Feijóo, deixando a PSOE e BNG con poder residual para outra década.

Tales son as previsións do primeiro día, pero ata o rabo todo é touro e, como a campaña e os seus protagonistas parecen vivir no mundo de Yupi e aínda non escoitaron nin un pouquiño a voz da rúa, podería pasar de todo. O 15*M e o 15Ou están vivitos e coleando.

Mentres, na paisaxe da estulticia electoral érguese con jactancia propia a figura ecuestre de Abel Caballero, multado pola Xunta Electoral, por chulo. E a Pepe Branco, por se non tivese bastante con defender como un Campeón a súa honradez ante o Supremo, tamén lle denuncian por visitar a catedral de Lugo. ¡Que xa non pode un nin sequera ir a misa en campaña! @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

2 Analista

Home, D. Valentin: non cria todo o que lé. A enquisa do CIS ten unha ponderación matemática...Os dados espantaron aos analistas do CIS...Por iso ponderaron...O PP linda os 200 escanos na enquisa orixinal, sen ponderación. O BNG o ten duro para manter o escano pola Coruña. Vostede non sabe quén son e porqué falo como falo...En todo caso, xa o verá o próximo 20-N. Se vai a escreber crónicas como esta durante a campaña, a súa credibilidade quedará moi mal.

1 galaico

Vai ser que o PP e o partido maioritario de Galicia e que o BNG e un partido residual que perde votos de 50000 en 50000 cada eleccion que pasa . O BNG non representa a ninguen e un partido visagra e testimonial . Non entende porque se ataca o PP neste artigo sendo amplisimamente o partido elexido maioritariamente polos galegos. Que pasa que Valentin Carrera non respeta a soberania popular deste pais?