O PP rexeita a implementación dunha policía autonómica que pide a oposición

Os populares lembraron que o Goberno de Sánchez, a través da Subdelegación do Goberno, comprometeuse a incrementar o persoal pero en "cinco meses non se cumpriu este compromiso".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O Partido Popular aprobou, co apoio do PSOE, demandar ao Ministerio do Interior dotar de máis efectivos á Policía nacional adscrita a Galicia, para recuperar os efectivos perdidos nos últimos anos e alcanzar polo menos 475, pero non contou co apoio de En Marea e BNG, que demandaban que tamén esixise que a comunidade dispuxese dun corpo de seguridade propio, similar aos que existen en Cataluña ou o País Vasco.

No pleno do Parlamento de Galicia, o deputado do PP Jacobo Moreira, criticou que, aínda que nunca se alcanzou a cifra obxectivo de 500 efectivos, desde 2008 produciuse unha "incesante perda", ata os 348 efectivos, "sen que se fixese nada desde o goberno socialista do Estado", cando o executivo de Rajoy si "fortaleceu" este corpo, alcanzando en 2013 a cifra de 474 policías.

Ante isto, lembrou que o Goberno de Sánchez, a través da Subdelegación do Goberno, comprometeuse a incrementar o persoal pero en "cinco meses non se cumpriu este compromiso". Unha reclamación que vinculou --provocando as críticas posteriores da oposición-- a que "unha das prioridades" do PP en Galicia é "ter máis autogoberno", na liña da petición da transferencia da AP-9, e que contrastou cun PSOE ao que acusou de "pagar peaxes e compensacións a gobernos independentistas".

Pero ademais argumentou que o PP está "orgulloso das forzas do Estado", en contraposición con En Marea e o BNG, aos que reprochou as súas afirmacións sobre a represión policial en Cataluña. "O BNG e En Marea xa sabemos o nulo ou escaso respecto pero non sabemos o que teñen pola do país bolivariano", incidiu.

O Partido Socialista anunciou o seu apoio á Proposición non de Lei aínda que expuxo unha emenda --que rexeitou o PP-- que demandaba a esixencia de avanzar na creación en Galicia dunha policía autonómica propia. Juan Manuel Díaz Villoslada tachou a PNL de "capciosa" e reivindicou así "unha emenda de adicción para que se inicie o desenvolvemento da lei de policías de Galicia". Para En Marea, a PNL evidenciaba o "cacao político" do Partido Popular, que "xa non saben que modelo defender" e que segundo a "estratexia ou o 'momento atrapalotodo' veñen cunha ou con outra". Para a deputada do partido instrumental Carmen Santos, a iniciativa era unha "falta de respecto" cara aos axentes e lembrou que xa en 2004, o PP, gobernando na Xunta anunciara "un corpo de policía propio".

A iniciativa tamén foi votada en contra polo BNG, xa que, en palabras do deputado nacionalista Luís Bará, "explicita o modelo claro do PP, a renuncia a unha verdadeira policía galega", ao substituíla por un "sucedáneo", un "sustitutivo que ten escasos medios" tamén tras 6 anos de goberno do PP. Así, defendeu que o "modelo do BNG" está recollido no documento aprobado no Parlamento en 2007, unha "lei gardada nun caixón" por un PP que se rebelou "de forma insumisa" contra ela e cuxo único balance é o de "cero patatero transferencias". Ante as críticas, desde o PP, Jacobo Moreira concluíu sinalando que non se aceptaría a emenda porque suporía modificar a normativa actual.

Policía Autonómica vixiando os lumes forestais
Policía Autonómica vixiando os lumes forestais | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta