Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2019 | Actualizada ás 14:28
A eurodeputada europea do BNG, Ana Miranda, acusou ao Goberno galego da Xunta de remitir "datos falsos" á UE e alertou que, de confirmarse que non informou sobre a previsión de que se aumente a superficie forestal con eucalipto, podería expor unha denuncia ante o Tribunal de Contas europeo polo que definiu como "un escándalo institucional".
Ana Miranda, nunha comparecencia ante os medios de comunicación en Santiago de Compostela, informou da resposta recibida por parte do Comisario de Medio Ambiente da UE á pregunta sobre se este organismo tiña coñecemento de que "o Goberno galego está a fomentar o cultivo de especies invasoras pirófilas, como o eucalipto".
O comisario Karmenu Vella respondeu que "a Comisión é consciente do uso de especies de eucalipto na silvicultura galega" pero que "o programa de desenvolvemento rural actual da rexión exclúe o aumento da superficie forestal con esta especie". Unha resposta que, segundo Miranda, confirmaría que "os datos que dá a Xunta sobre o eucalipto son falsos", porque nas informacións das que dispón o BNG incrementouse " no dobre da cantidade prevista" e permitirase aumentar a súa extensión no novo Plan Forestal.
"Estánselle pasando datos falsos á Comisión europea, e cando realiza unha resposta deste tipo sobre a prevención de incendios, resulta que confirma que os datos non se corresponden", agregou.
No novo Plan Forestal, lembrou, proponse mesmo un aumento de "22.000 hectáreas" de eucalipto, unha "barbaridade", a xuízo de José Luís Rivas 'Mini', porque o "eucalipto está a acurralar a economía do país".
O deputado parlamentario do BNG rebateu a afirmación de que "o eucalipto dá diñeiro", porque sostén que "eliminou economía" con exemplos como o dos case "3.000 serradoiros que foron ao tacho", ademais de "unha biodiversidade que se cargou" e "acurralando a explotación do leite, da horta, toda a posibilidade de que o país emerxa outra vez".
O BNG ESTUDARÁ DENUNCIA ANTE O TRIBUNAL DE CONTAS
No día das mobilizacións contra o cambio climático, remarcou en que hai un problema real de incendios e estrutural, e "se a Comisión recibe datos falsos por parte do Goberno galego nos que non se incide en que nos incendios hai mortos, hai superficies arrasadas, é un escándalo institucional".
No caso de que se confirme que a Xunta remitiu "datos falsos", como asegura que poría de manifesto a resposta recibida, o BNG analizará realizar unha denuncia ao Tribunal de Contas europeo.
USO DE FONDOS PARA PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Pero ademais, Ana Miranda advertiu que se os fondos estruturais da UE 2014-2020 contemplan a prevención de incendios, poderíase estar a xerar un "engano institucional". Así, suxeriu que á Xunta "interésalle moito pasar información nesgada", "non actualizada", porque é "unha maneira de seguir obtendo fondos e investir en prevención de incendios dunha forma nefasta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.