Os cazadores terán un mes máis para matar xabarís a próxima tempada de caza

A medida foi aprobada no Comité Galego de Caza da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A Xunta ampliará en case un mes o período hábil de caza de xabarís na próxima tempada, segundo decidiu este venres o Comité Galego de Caza, presidido pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Tal como asegurou a Xunta nun comunicado, Do Campo trasladou a preocupación xerada polo xabaril no territorio galego "polos danos causados para agricultores e gandeiros", así como polos accidentes de tráfico que ocasionan e pola evolución da peste porcina africana en Europa.

A iniciativa de prolongar o período hábil para esta especie trátase dunha proposta trasladada polos catro comités provinciais de caza e que contou co consenso dos representantes do sector na reunión, "debido á sobreabundancia da especie".

Así, a próxima tempada de caza dará comezo o 24 de agosto de 2019 e acabará o 29 de febreiro de 2020. "No entanto, os xoves, sábados, domingos e festivos seguen manténdose como xornadas hábiles para a caza", destacou a Xunta.

CONTROL POBOACIONAL

A directora xeral explicou que esta decisión é acorde co proposto en tempadas anteriores, nas que tamén se aplicou o período hábil de caza, como medida de control poboacional desta especie silvestre.

Desta maneira, tamén se acordou revisar, de acordo coa Lei de Caza, a xestión cinexética nos vedados de caza en época hábil para a captura exclusivamente de xabaril "co fin de optimizar o esforzo de caza sobre o aproveitamento e o control desta especie".

"Cabe lembrar que estas iniciativas forman parte da estratexia deseñada polo grupo de traballo interdisciplinar para o control de danos causados polo xabaril promovido desde a Consellería de Medio Ambiente, na que tamén se recollen medidas como o emprego de novos métodos selectivos de captura ou a aposta por novas regulacións", engadiu o Executivo autonómico.

Xabarín morto nunha batida
Xabarín morto nunha batida | Fonte: stopcaza.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta