A Xunta califica a nova Lei de Pesca como garantía da substitución xeracional

A conselleira de Medio Ambiente gabou o labor da Administración autonómica para "facer que medre o número de licenzas" desta práctica deportiva

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou este domingo que a nova Lei de Pesca, na que está a traballar o Goberno galego, promoverá e propiciará "medidas e ferramentas" para garantir a substitución xeracional.

Vázquez lembrou que o seu departamento está a traballar, xunto cos colectivos de pescadores, no documento da nova lei, co fin de actualizar unha normativa datada en 1992, "que conta cunha vixencia de máis de dúas décadas e na que hai aspectos que é necesario adaptar aos novos tempos".

Neste sentido, tal como recolleu a Xunta nun comunicado, a titular de Medio Ambiente lembrou que xa se pechou o trámite de consulta pública previa, e no momento no que se dispoña do anteproxecto de lei iniciarase o trámite de participación pública. Durante ese período, poderanse presentar as alegacións oportunas, "con fin de enriquecer o texto e conseguir unha norma o máis consensuada posible".

Nunha visita ao Coto de Pesa de Baio (A Coruña) con motivo do inicio da tempada de pesca fluvial en Galicia, Vázquez subliñou o labor do Executivo autonómico, xunto coa Federación Galega de Pesca e Casting, para facer que medre o número de licenzas de pesca deportiva, coa finalidade de asegurar a substitución xeracional.

CONVENIOS

Así, asegurou que o 90% das entidades, un total de 66 e que asocian a máis de 9.000 pescadores, xa teñen asinados un novo convenio de colaboración para traballar en favor deste obxectivo; así como polo coidado dos recursos e das especies piscícolas, é dicir, dunha pesca sustentable.

Ademais, Medio Ambiente lembrou a novidade desta nova tempada de pesca, que se estenderá ata o 31 de xullo, que inclúe tres novos cotos sen morte: dous na provincia de Lugo e outro en Pontevedra.

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, nunha visita ao Coto de Pesca de Baio (A Coruña)
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, nunha visita ao Coto de Pesca de Baio (A Coruña)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta