Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2019 | Actualizada ás 15:27
A Patrulla de Seprona da Compañía da Garda Civil, en colaboración coa Policía Local de Rianxo, procedeu á investigación dun veciño da mesma localidade como presunto autor dun delito de malos tratos animais por ter máis de 25 cans en condicións "deplorables".
Segundo informa o Instituto Armado, os feitos iniciáronse no transcurso dunha inspección rutineira, cando a Garda Civil se decatou de que 25 cans adultos e 10 cachorros "se "atopaban en condicións hixiénico-sanitarias deplorables" con, engade, "síntomas evidentes de delgadez extrema e mesmo nalgúns casos con sarna".
Ademais achouse un can morto, concretou a Benemérita. Ao lugar dos feitos, "sen apenas un anaco de superficie onde non houbesen restos de ouriñes, excrementos e mesmo cachos de reses mortas", tamén acudiu un veterinario para comprobar o estado dos animais. Así, púidose constatar "a escasa atención" cara aos mesmos e que carecían de cartón de vacinación.
Só cinco cans tiñan microchip e "todos posuían abundante parasitación externa", destacan as mesmas fontes. "Descoñécese en que consistía a dieta dos cans, posto que non se atopou penso ou outro tipo de comida adecuada no lugar dos feitos", indica a Benemérita.
Pola cantidade de restos putrefactos doutros animais no chan, "é posible que este fose o tipo de alimentación que inxerisen os cans para subsistir", considera o Instituto Armado.
No mesmo lugar tamén se acharon 18 tenreiros e un cabalo nas "mesmas condicións hixiénico-sanitarias" que os cans, asegurou a Garda Civil.
Os cans quedaron a disposición do Xulgado de Padrón e os tenreiros e o cabalo a disposición da Concellaría de Medio Rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.