Os vertidos de xurro na Limia ameazan con contaminar un dos grandes encoros de Ourense

Os ecoloxistas apuntan novamente á cárnica Coren como responsable do aumento de cianobacterias no Encoro das Conchas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/03/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

En 1949 construíuse o Encoro das Conchas de 48 metros de alto e case 170 metros de lonxitude que alcanzaría 978 km 2 de superficie da súa conca entre os concellos de Muíños e Bande. Unha das grandes reservas de auga da provincia de Ourense que, segundo denuncian os ecoloxistas, podería acabar contaminada.

Camións de Coren con Xurro na parcela de Maus de Salas, en Muiños
Camións de Coren con Xurro na parcela de Maus de Salas, en Muiños | Fonte: Plataforma Auga limpa xa!

Os resídudos de Xurro na explotación do pasteiro de Maus de Salas están provocando a proliferación de cianobacterias no encoro, tendo como principal orixe o aumento excesivo de nitratos nas augas procedente da industria porcina. 

O xurro actúa como un bo fertilizante pero vertido en grandes doses concentradas pasa a converterse nun potente axente contaminante. Os ecoloxistas suliñan que a parcela é atravesada na súa totalidade polo regato de Porqueirós, tendo este o seu nacemento a escasos metros augas arriba do predio e contando con abundantes aportes de auga de nacentes localizados dentro da mesma parcela, é neste curso de auga no que radica o maior problema da contaminación. 

Segundo a Plataforma Auga limpa xa!, as verteduras na explotación das Maus son as causantes desta contaminación, e afectan de xeito directo a un regato principal subsidiario do río Limia.  De feito, apuntan directamente á cárnica Coren e lembran que o proxecto técnico presentado por esta empresa no concello de Muiños só permite verter neste pasteiro os xurros procedentes dunha das explotacións intensivas de porcino localizada no concello dos Blancos, no chamado polígono de Covelas. “Pero isto non se está a cumprir”, denuncia.

PROXECTO TÉCNICO

Neste proxecto tamén se especifica que os vertidos deben restrinxirse aos meses de setembro, novembro e xaneiro, sumando un máximo de 1.500 m3/mes (total 4.500 m3/ano) período e cantidade que ninguén controla oficialmente e  que  excede con creces o autorizado. “Segundo as testemuñas, chega con ter en conta que a balsa que dispoñen ten unha capacidade máxima de 1.900 m3 ( moi inferior ós 4.500 que na teoría alí se transportan)”, apunta. 

Encoro das Conchas, entre Lovios e Muiños, Ourense
Encoro das Conchas, entre Lovios e Muiños, Ourense | Fonte: galiciamaxica

Ademais, destaca o incremento no volume de tránsito de camións cisterna que circulan e descargan diariamente no lugar. “A isto hai que sumar os evidententes cambios de coloración que sofre con frecuencia o regato de Porqueirós, amosando  síntomas inequívocos de contaminación orgánica, chegando  a afectar a núcleos de poboación coma o Rañadoiro” engade. Esta poboación chegou a consumir estas augas no verán do 2017, como consecuencia da escaseza de auga da traída. Unha situación que provocou problemas de saúde entre as veciñas e mesmo a morte dalgún animal de compañía. 

O PASTIZAL DAS MAUS

O “pastizal das Maus”, no concello de Muíños,  é unha extensión de monte veciñal de máis de 150 hectáreas, na parroquia de Maus de Salas. A explotación conta con 150 cabezas de vacún en réxime semi-extensivo, todo isto a priori non suporía un problema aparente se non fose polas peculiaridades deste proxecto. Pero, a área elexida por Coren para instalarse non foi ó chou.

“É unha zona de montaña da provincia de Ourense, despoboada e lonxe de grandes núcleos habitados, todo ideal para traballar con total impunidade no que a xestión de residuos se refire, residuos que nin sequera proceden da propia explotación senón que son trasladados en grandes camións cisterna dende outras explotacións afastadas do lugar”, denuncian os ecoloxistas.

Por iso, desde a Plataforma Auga limpa xa! esixen que a administración, “sendo coñecedora do que acontece, tome as medidas pertinentes para corrixir a situación actual de descontrol na que se atopa a explotación das Maus de Salas”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta