As exportacións galegas arrincan o ano cun descenso do 26,2%, mentres as importacións aumentan un 12,4%

Galicia encabeza as caídas por CC.AA., por diante de Baleares (-18,8%) e Canarias (-12,5%) e sitúa o seu déficit comercial en 339,9 millóns

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/03/2019 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

As exportacións galegas arrincaron 2019 cun descenso do 26,2% en xaneiro en relación co mesmo mes do ano anterior, ata situar o seu valor en 1.541 millóns de euros. Mentres, as importacións incrementáronse un 12,4%, ata 1.880 millóns, o que deixa o saldo da balanza comercial nun déficit de 339,9 millóns (-182,2%).

As exportacións reduciron un 2,4% a súa contribución e quedaron nun 6,8% do total, mentres que as importacións repuntaron un 0,8%, ata o 7%. Así o reflicte o informe do Ministerio de Industria publicado este xoves, que establece que en Galicia as principais exportacións proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (26,8% do total, diminuíron un 45,7% interanual), bens de equipo (18,6% do total, incrementáronse un 14,7% interanual) e sector automóbil (15,9% do total, reducíronse un 32,2% interanual).

No conxunto estatal, o déficit comercial situouse en 4.483 millóns de euros en xaneiro, o que supón un incremento do 13,9% respecto ao mesmo mes do ano anterior, despois de que as exportacións caesen o primeiro mes do ano un 1,3%.

A pesar desta caída, as vendas españolas ao exterior sumaron 22.525 millóns en xaneiro, o segundo maior valor para este mes da serie histórica tras xaneiro de 2018, mentres que as importacións incrementáronse un 0,9%, ata os 27.009 millóns de euros.

A taxa de cobertura (o cociente entre exportacións e importacións) situouse no 83,4%, fronte ao 85,3% de xaneiro de 2018. En termos de volume, as exportacións descenderon un 2,2%, xa que os prezos, aproximados polos índices de valor unitario, creceron un 0,8%; mentres que as importacións incrementáronse un 1,1%, pois os prezos caeron un 0,2%.

O saldo non enerxético arroxou un déficit de 1.880 millóns de euros, superior ao déficit de 1.124,4 millóns rexistrado no mesmo período do ano anterior, e o déficit enerxético diminuíu un 7,4%, ata os 2.603 millóns, por baixo dos 2.811 millóns dun ano antes.

A caída das exportacións españolas en xaneiro do 1,3% contrasta co aumento do 1,7% en Alemaña, do 2,9% en Italia e do 5,2% en Francia, así como a alza do 2,2% na UE e do 2,4% na zona euro. En Reino Unido tamén caeron (-1,7%). Fóra da UE, incrementáronse as exportacións en China (+8,5%) e baixaron en Xapón (-8,4%).

As exportacións aragonesas alcanzan en 2018 un valor de 11.915,7 millóns de e. GOBERNO DE ARAGÓN
As exportacións aragonesas alcanzan en 2018 un valor de 11.915,7 millóns de e. GOBERNO DE ARAGÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta