Restricións no acceso á sanidade pública en Galicia

1. Denegación da prestación farmacéutica (a propósito dun caso). Unha paciente de 92 anos, encamada e dependente total desde hai máis de oito, moi ben atendida polas súas fillas, recibe a notificación de que non ten dereito á prestación farmacéutica. Hai máis de dúas décadas que coñezo a esta persoa e á súa familia e non poido dar creto a esta nova. Máis cando tento facer a receita electrónica aparece o seguinte enunciado na pantalla do ordenador: “Non é posible xerar as receitas porque a paciente non dispón de tarxeta sanitaria en vigor”. A familia procura arranxar a situación. Despois de visitar varias oficinas da Administración atopan unha resposta: non ten dereito aos fármacos porque recibe unha pensión de Holanda (que non chega aos 300 euros), donde traballou como emigrante cando era nova.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 17/11/2011

Comparte esta noticia

Non conseguiron, polo momento, que lle recoñezan o dereito á prestación farmacéutica. Agora teño que facerlles as receitas en papel e  a familia consegue axuda económica dunha institución benéfica. Para resumir, vemos como un dereito cidadán ven ser substituido pola caridade e a beneficencia pública. Ainda que a Lei Xeral de Sanidade (1984) dí, no seu primeiro artigo, que “son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todos os españois e os cidadáns estranxeiros que teñan a súa residencia non territorio nacional”. Con actuacións deste tipo están a vulnerar unha lei básica do Estado. Hai quen non respecta as regras do xogo establecidas e está a provocar dano, precisamente, ás persoas máis necesitadas.

2. A cita telefónica. O Sergas ven de poñer en marcha, na Coruña e área de influencia, unha central de chamadas, para conseguir cita nas consultas de Atención Primaria por teléfono. Este servizo, externalizado, dispón dun sistema de recoñecemento automático de voz: esto quere decir que o usuario xa non é atendido por unha persoa senon por unha máquina. O sistema de citación telefónica esixe un total de once pasos a seguir, de certa complexidade, o que fai que só cheguen a finalizar o proceso o 60% (seis de cada dez) das persoas que chaman.

Entendo que se trata dun atranco máis para a accesibilidade aos servizos sanitarios. Esta medida beneficia, maiormente, á empresa contratada, que recibirá a remuneración pactada. Pero saen perxudicados todos os usuarios da sanidade pública, en particular as persoas maiores e todos aqueles que teñen dificultades culturais ou idiomáticas para utilizar adecuadamente estes dispositivos. Tamén sairá perxudicado, a medio prazo, o persoal administrativo dos Centros de Saúde, que deixarán de ser contratados para desenvolver estas funcións.

3. O uso irresponsable da sanidade. O Sergas ven de publicar unha norma (Decreto 209/2011) no que fixa as tarifas dos servizos prestados na rede asistencial pública. En dita norma establece que os servizos públicos reclamarán aos terceiros obrigados a pagamento o importe das prestacións sanitarias facilitadas (mútuas de accidentes e de traballo, cidadáns extranxeiros, seguros escolares, asegurados de Muface, etc.). Mais no mesmo texto figura, tamén,  unha disposición adicional única que dí: “poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema de Saúde”.

Esta disposición, que pretendía pasar sen despertar sospeitas, provocou unha grande polémica no Parlamento galego. A oposición entende, con toda a razón, que abre unha porta falsa; poderán facer un uso arbitrario da mesma e facilitar aos directivos dos centros sanitarios a restricción do acceso aos servizos por parte dos cidadáns. Non se trata só de esixir un copago ou rapago polos servizos recibidos. É moito máis grave: pode producir unha severa restricción na utilización dos servizos de saúde. Podemos preguntarnos: quen vai establecer os límites? Serán os propios centros os encargados de definir ata donde chega o uso responsable?  Cantas veces se poderá acudir ao médico sen ser multados?

Esta Xunta de Galicia, que dí estar preocupada polo aforro, ven de atopar a fórmula maxistral: a mellor maneira de aforrar en sanidade é deixar de atender á xente. Por eso son capaces de poñer nun decreto unha disposición tan inxusta e arbitraria, que sinala directamente aos usuarios da sanidade pública como presuntos irresponsables. Xa non teñen pudor: na vez de procurar unha mellor atención, e maior accesibilidade, a quen de verdade o precisa, están a poñer obstáculos para impedir que os doentes poidan ser debidamente atendidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.