Sanidade presume de que o seu borrador de Atención Primaria "vai por diante" do do Ministerio

En Marea e PSdeG censuran o "deixamento" da Consellería e pídenlle que sente a negociar cos colectivos en folga

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, insistiu en que o borrador do novo modelo de Atención Primaria de Galicia "vai por diante" do documento do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

En resposta a senllas interpelacións debatidas de forma acumulada no Parlamento de Galicia e formuladas polos deputados Julio Torrado (PSdeG) e Eva Solla (En Marea), o conselleiro referiuse a temas como a historia clínica electrónica compartida, o seguimento dos pacientes por telemonitorización, a interconsulta non presencial ou a consulta telefónica.

Segundo indicou, o documento presentado polo Executivo estatal presenta similitudes de estrutura co borrador galego no que se refire á definición de estratexias, obxectivos e accións a curto, medio e longo prazo, mais valorou que o texto da Consellería vai un paso máis alá ca o outro.

No primeiro punto -o referido ás estratexias- ambos documentos coinciden en canto a política orzamentaria e de recursos humanos; na coordinación da atención primaria con outros ámbitos asistenciais, servizos e institucións, e no fomento da formación e da investigación en atención primaria. "Galicia, ademais, inclúe unha liña estratéxica de creación de equipos de Atención Primaria na que se definan novos roles, que non recolle o Ministerio", indicou o conselleiro, que tamén destacou a proposta galega de mellora da xestión da demanda non programada ou urxente e a dispoñibilidade dun plan de necesidades adecuado á carteira de servizos de cada centro.

En canto aos obxectivos, Almuiña incidiu en que o documento do Ministerio ten 23 mentres que o borrador do modelo galego ten 45. "O do Ministerio ten 19 accións a curto prazo mentres que o do Servizo Galego de Saúde ten 75. A medio prazo hai 70 accións no documento do Ministerio, fronte a 60", apuntou.

INTERVENCIÓNS DOS GRUPOS

O conselleiro de Sanidade destacou estas medidas e fixo estas comparacións en resposta ás preguntas formuladas tanto por Eva Solla (En Marea) como por Julio Torrado (PSdeG). Así, en primeiro lugar, a parlamentaria rupturista instoulle a aclarar na Cámara o orzamento que contempla a Xunta para a posta en marcha destas medidas.

Manifestación Vigo por unha Atención Primaria de calidade
Manifestación Vigo por unha Atención Primaria de calidade

Ademais, afeoulle que non se sente a negociar cos profesionais en folga. "Cando un quere chegar a un acordo senta a negociar e con quen ten que sentar é co comité de folga", manifestou Eva Solla.

Pola súa banda, o parlamentario socialista Julio Torrado volveu pedir o cesamento de Almuiña polo conflito aberto na sanidade pública "con dimisións de xefes de servizos, ameazas de folga, conflito nos PACs e a procura de enfrontamento entre os colectivos".

Torrado denunciou o "deixamento" do Goberno galego, "máis ocupado en presumir que en xestionar" as consecuencias do "recorte de 188 millóns de euros e a supresión de 1.249 prazas de profesionais da sanidade desde 2009". "No canto de dimitir provoca cesamentos", denunciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta