Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 13:37
A eurodeputada galega Lídia Senra denunciou no pleno do Parlamento Europeo que "a propia Unión Europea impulsa en ocasións" actividades que contaminan as augas. Así, votou en contra dun informe sobre a directiva da auga por "non garantir o acceso universal" e, ao seu xuízo, "distorsionar a iniciativa cidadá" baixo a denominación 'Right2Water'.
Senra reiterou a importancia de "protexer este ben común da privatización e da contaminación" e apelou á responsabilidade institucional "a todos os niveis". Reunida en sesión plenaria en Estrasburgo, a Eurocámara acaba de aprobar un informe sobre a proposta de directiva relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano.
Na súa intervención, a eurodeputada galega subliñou que a auga é "un dereito humano que hai que protexer da privatización e da contaminación, da forestación inadecuada, como a realizada a base de eucaliptos, e das grandes infraestruturas". O informe aprobado este xoves vén motivado pola mencionada iniciativa. "Con todo, o filtro institucional europeo (...) deu lugar a un texto intolerablemente débil", a xuízo de Senra.
En concreto, explica que "disruptores endocrinos como as sustancias perfluoroalquiladas foron detectados xa na auga potable da metade do territorio europeo". Pero, segundo critica, "durante a votación desta directiva a finais do ano pasado, as emendas que facían alusión aos límites a establecer non foron aprobadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.