A Xunta afirma que "non asumiu" o custo do cambio de voo de Feijóo para acudir á manifestación de Colón

"Non houbo cambios de axenda de actos do presidente, non se suprimiu ningún acto", dixo o secretario xeral de Emigración Rodríguez Miranda, que precisou que a única modificación que se fixo foi "adiantar o horario do voo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou que o custo que puido ter o cambio de voo desde Estados Unidos para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puidese asistir á manifestación convocada por PP e Ciudadanos --na que participou Vox-- na praza de Colón "non o asumiu a Xunta".

Diso informou este xoves durante a súa comparecencia na Comisión Institucional do Parlamento de Galicia, na que deu resposta a unha pregunta formulada polo portavoz de En Marea, Luís Villres, sobre este asunto. Respecto diso, aínda que Rodríguez Miranda non deu cifras sobre o custo que tivo a viaxe institucional do presidente autonómico, si subliñou que á Administración autonómica "non lle custou nada" o cambio no billete.

"Non houbo cambios de axenda de actos do presidente, non se suprimiu ningún acto", insistiu Rodríguez Miranda, que precisou que a única modificación que se fixo foi "adiantar o horario do voo" de forma que "no canto de saír o domingo pola mañá no primeiro voo, saíu o sábado pola noite no último". "Por tanto, trasladarlle a absoluta tranquilidade de que non houbo cambios e que a Xunta non tivo que asumir ningún custo", subliñou.

VIAXE

Na súa comparecencia, Rodríguez Miranda aproveitou para resaltar a importancia da primeira viaxe oficial do máximo mandatario autonómico a un país no que residen "21.493 galegos" que "deben ter dereito a que o presidente poida escoitar as súas inquietudes".

Deste xeito, tras debullar algunhas das reunións mantidas e actos nos que participou o presidente, como un encontro con empresarios e a inauguración da exposición 'Vos Adeuses', subliñou que a viaxe tivo un custo "racional" para o que supón unha viaxe destas características "seguindo os principios de economía e eficiencia".

CRÍTICAS DE EN MAREA

Rodríguez Miranda respondeu deste xeito a unha pregunta formulada por Luís Villares (En Marea), quen pediu detalles sobre o prezo da viaxe e asegurou que os cambios na viaxe do presidente espertaron "alarma e estrañeza" entre "parte da sociedade galega".

"Houbo estupor en parte da cidadanía galega polo feito de que Feijóo adiantase o regreso para realizar un acto de partido, para manifestarse xunto con grupos de extrema dereita e en contra da autonomía de Galicia, da igualdade", denunciou.

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta