En Marea insiste no "cesamento fulminante" de Vázquez Almuíña polos "malos tratos" aos profesionais sanitarios

Villares reitera que o contrato para acabar coa precariedade resultou unha "fraude" que obriga aos mozos e mozas formados a irse de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/04/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

En Marea volveu a pedir este mércores do "cesamento fulminante" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, polos seus "malos tratos" aos profesionais sanitarios desta área. Así o manifestou o portavoz de En Marea, Luís Villares, en declaracións aos medios tras manter unha reunión na cidade olívica con representantes dos colectivos Médicas Precarias e PACs en Pé de Guerra.

Villares constatou os "malos tratos sanitarios" ao que a Xunta somete á cidadanía, que "incide especialmente" na área de Vigo, onde "o xerente ten ao seu persoal en situación de especial precariedade". A este respecto, denunciou cuestións como "coaccións" na configuración das quendas de traballo, "imposición" de medidas sen acordo nin negociación, "xornadas abusivas", ou vulneración de dereitos na xestión de excedencias, reducións de xornada e outras medidas de conciliación.

Segundo lembrou, despois de que Vázquez Almuíña e Rubial ignorasen a petición de En Marea de dimitir, agora procede esixir o seu "cesamento fulminante", e criticou que os "malos tratos" á sanidade da área viguesa é "especialmente lesivo" nas condicións dos traballadores.

Por todo iso, o portavoz de En Marea preguntouse "que clase de servizo público presta a Xunta cando maltrata aos seus propios funcionarios", e sinalou que "hai motivos máis que sobrados para a folga" que se convocou para os días 9, 10 e 11 de abril.

"FRAUDE"

Así mesmo, advertiu de que "o que se pretendía vender como un contrato para acabar coa precariedade" entre os profesionais sanitarios, non foi máis que unha "fraude" que reafirma a idea de que "aquí non hai futuro" e obriga aos mozos formados, que coñecen o país e aos seus pacientes, a ter que irse "fóra de Galicia".

A falta de estabilidade laboral, denunciou, impide que haxa unha continuidade na asistencia aos pacientes, ou que se lles faga un seguimento adecuado. "Os pacientes non son números, nin códigos de barras", proclamou, e lembrou que os traballadores da sanidade están "a pedir tempo para atendelos con dignidade".

Finalmente, sinalou que o seu grupo levará ao Parlamento a próxima semana unha iniciativa para que a Xunta asuma as demandas deste colectivo, entre as que destacou que se destine un 25 por cento do orzamento de Sanidade á Atención Primaria, que se establezan contratos estables "con remuneracións dignas", ou que se recupere a figura das áreas sanitarias con "capacidade funcional e orzamentaria".

En Marea insiste no cesamento de Vázquez Almuíña
En Marea insiste no cesamento de Vázquez Almuíña | Fonte: E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta