O delegado do Goberno recrimina a Feijóo querer crear "unha crispación inexistente" co Executivo de Sánchez

Javier Losada acusa a Feijóo de pór "paus nas rodas con Alcoa, coa alta velocidade e a súa chegada a Lugo e co financiamento".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/04/2019 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o intento de crear un "clima de crispación inexistente" co Executivo de Sánchez fronte á "lealdade e cooperación" deste.

Nun comunicado, afirma estar preocupado "pola posición que ultimamente está a tomar o presidente Feijóo con respecto ao Goberno de España, tentando xerar un clima de crispación e un clima de falta de colaboración que é inexistente". "O Goberno de España está a dar solución aos problemas de Galicia", afirma.

En concreto, Javier Losada asegura que "todo o que dicía" o presidente da Xunta sobre o financiamento "non se axusta á verdade porque xusto no momento en que o estaba dicindo --sinala sobre as súas declaracións a este respecto--, o Congreso estaba convalidando o Real Decreto polo que a Xunta de Galicia poderá utilizar o superávit".

Tamén argumenta que Executivo traballa "con lealdade e cooperación para solucionar os problemas da comunidade autónoma". Mentres, acusa a Feijóo de pór "paus nas rodas con Alcoa, coa alta velocidade e a súa chegada a Lugo e co financiamento".

Javier Losada pregúntase, así mesmo, por que "curiosamente é o Partido Popular, os seus compañeiros, o que está a votar en contra de que isto sexa posible", engade sobre o voto en contra ao Real Decreto-lei que habilita ás comunidades a investir o superávit.

"O PP mantivo esta mesma postura no pasado con medidas como o teito de gasto ou os Orzamentos, propostas rexeitadas que garantían moitísimo máis financiamento para Galicia", remarca Losada.

Javier Losada balance de acordos do Consello de Ministros. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo
Javier Losada balance de acordos do Consello de Ministros. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta