Galicia espera a Semana Santa cunha previsión de ocupación do 80%

Os empresarios esperan crear entre 7.000 e os 10.000 contratos a tempo parcial durante este período.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2019 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A chegada da Semana Santa en Galicia espérase mirando ao ceo. As predicións meteorolóxicas serán, para o sector da Comunidade, os grandes determinantes á hora de incrementar a cifra de reservas de última hora, aínda que as datas xa arrincan con expectativas positivas e unha previsión de ocupación que podería roldar entre o 70 e o 80% das prazas, superior á do ano anterior.

Procesións da Semana Santa na Praza de Armas de Ferrol
Procesións da Semana Santa na Praza de Armas de Ferrol | Fonte: Galiza artabra

Así o indicaron desde o Clúster do Turismo de Galicia, que destacaron o "tirón" nestas datas das celebracións relixiosas e culturais, como é o caso de Santiago e Lugo, cuxa Semana Santa estrea este ano o recoñecemento de interese galego; ou de Ferrol e a Mariña Lucense, de Interese Turístico Internacional.

Ademais, o Clúster fai fincapé no feito de que este ano a celebración cae practicamente a mediados de abril (o ano pasado tivo lugar en marzo), unha data adiantada no ano que adoita ser "positiva" para os datos.

Con esta base, a previsión "inestable" do tempo márcase como o elemento que decidirá ata onde soben as reservas de última hora e a duración das estancias.

UN LIXEIRO INCREMENTO

En conxunto, segundo os datos do Clúster, a ocupación media en Galicia nos días festivos da Semana Santa podería situarse en torno ao 70 ou 80%, cifras superiores ás do ano pasado, cando as expectativas eran lixeiramente inferiores.

Con todo, as cifras serán diferentes por áreas, en función da importancia das tradicionais celebracións de Semana Santa ou o influxo do sol.

Con iso, na Mariña Lucense e en Ferrol, como é habitual, espéranse datos "excelentes", con ocupacións por enriba do 90% e mesmo colgando o cartel de completo. Tamén Ourense rexistra habitualmente nestas datas boas cifras de ocupación grazas á súa aposta cultural e termal.

No caso da Coruña, segundo o presidente de Hopeco, Rafael Benito, espérase unha ocupación arredor do 73% de mércores a domingo, un pouco por enriba do ano pasado e, ademais, cunha lixeira suba de prezos.

Por outra banda, en Sanxenxo, coa metade da planta hoteleira aberta, o sector prefire ser cauto en canto ás previsións ata que se determine a meteoroloxía; mentres que en Vigo as expectativas son "moi positivas", con máis do 80% das reservas nestes días e a previsión de chegar á ocupación total durante os festivos, segundo datos de Feprohos.

En Santiago, pola súa banda, Hostalaría Compostela manexa para os días festivos unha ocupación que roldará o 80%, aínda que as cifras finais aínda están no aire ante as reservas de última hora.

INCREMENTO NOS POSTOS DE TRABALLO

Ademais dos visitantes, o sector galego chama a atención sobre o "repunte" que prevén nas contratacións para os reforzos derivados da Semana Santa, por enriba de 2018.

Así, o Clúster recolle a previsión de Adecco que indica que Galicia será a segunda comunidade que máis incremente o emprego esta semana Santa, ao redor dun 6,4% de aumento, con Pontevedra liderando os contratos. A cifra, apuntaron, oscilaría entre os 7.000 e os 10.000 contratos a tempo parcial durante este período.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Brian

Preparando nacional-catolicismo, mantillas, saetas, exército e guardia civil en Galiza... Hai lumes? Ogallá chova todos os días, o campo está moi seco e compre auga...