Os galegos esperan case a metade que o resto dos pacientes en España para as consultas de atención primaria

Valoran tamén mellor este servizo que o resto de cidadáns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2019 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

Os galegos esperan unha media de 2,79 días para ser atendidos de atención primaria, case a metade que o resto dos españois (4,77 días de media) segundo os datos do Barómetro sanitario, publicados polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

O 67% dos pacientes, ademais, foron atendidos no mesmo día ou ao seguinte de pedir a cita, segundo indica o exposto no documento oficial. Este dato mellora nun 20% o que engloba a toda España, na que só o 47% dos usuarios foron atendidos con tanta rapidez, segundo explicou a Xunta nun comunicado.

Ademais, a valoración xeral da atención primaria en Galicia por parte dos usuarios alcanza o notable cun 7,47 sobre 10. Esta nota é lixeiramente superior á do Sistema Nacional de Saúde --7,31--. Os apartados de enfermaría e de confianza e seguridade transmitidos polo persoal médico son, en concreto, os mellor valorados cun 7,57 e un 7,70, respectivamente.

Así mesmo, o 88,1% dos enquisados valorou como "boa ou moi boa" a atención recibida nos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos que acudiron.

A atención hospitalaria, segundo datos do Ministerio, tamén obtivo unha boa valoración por parte dos galegos, aínda que non destaca da mesma maneira. A nota neste campo é dun 6,95, moi similar á media estatal. Apartados como os coidados e atención do persoal --7,96-- e a enfermaría --8--, teñen valoracións superiores ás do conxunto español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta