A resaca do 20N

A resaca electoral do 20-N na política galega ofrece tres imaxes diferentes.O PP, co botafumeiro a pleno rendemento, proclama o estado da felicidade universal e calibra a posibilidade dun adianto das autonómicas que lles permita incrementar a súa maioría no Parlamento do Hórreo.

Por Xesús Veiga | Compostela | 07/12/2011

Comparte esta noticia

No grupo dirixente do PSdG están comezando a dixerir as cifras do desastre vivido nas urnas mediante o coñecido recurso de buscar nas circunstancias exteriores a explicación que lles permita seguir controlando o aparato organizativo.O BNG enfrontase a un reto singular:atopar un diagnóstico común na avaliación duns resultados que teñen luces e sombras.Non son catastróficos pero non se corresponden coas expectativas que cabería agardar dunha forza política que se dirixía aos sectores sociais descontentos coas políticas antisociais practicadas polo goberno Zapatero.

Na convocatoria do ano 2008, o PPdG non foi quen de superar a suma dos votos obtidos polo PSdG e BNG.Agora, a vitoria do partido de Rajoy e Feijoo obedece mais aos deméritos e limitacións demostrados por socialistas e nacionalistas que a calquera outra consideración sobre as supostas bondades da equipa de xestores que ocupa os despachos de San Caetano.Se Alberto Núñez cree  que lle corresponde a paternidade política do resultado do 20-N e actúa cunha lóxica de gañador anticipado pode recibir unha imprevista cura de realismo daqueles que agardan o maná do novo goberno “amigo” de Madrid.

O PSdG debe decidir se transita pola rutina que propón o actual secretario xeral ou escolle unha nova andaina que supoña a efectiva construción dun perfil diferenciado que asuma a dimensión nacional galega como parte substantiva da súa identidade política.Atopase, ao cabo, ante un vello dilema:ser un apéndice da batalla que se xoga en Ferraz ou posuír unha axenda propia con liderados que aporten a credibilidade que require ese proxecto autónomo.

O BNG corre o risco de confundir as arbores da indiscutíbel importancia que representa consolidar a presenza no Congreso dos Deputados co bosque da evidente tendencia descendente que rexistra a organización nacionalista na última década.Se o seu corpo organizado non acerta na explicación do que está sucedendo e, sobre todo, non é quen de adoptar cambios significativos –nas mensaxes, no estilo, nos liderados- que permitan tecer novas complicidades con antigos e futuros votantes, hai razóns para pensar na continuidade do devalo nas vindeiras eleccións ao Parlamento galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.