Máis de 150 intelectuais asinan un manifesto a prol do BNG como "única forza capaz de defender Galicia"

Suso de Toro, Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, entre os asinantes do manifesto 'Aquí e agora. Para Galiza ter voz propia'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

Máis de 150 intelectuais galegos mostraron o seu apoio ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) asinando o manifesto 'Aquí e agora. Para Galiza ter voz propia', no cal destacan esta organización política como a "única" con capacidade para defender Galicia nas administracións estatais.

Un total de 150 intelectuais apoian ao BNG como a 'única' organización polític. BNG
Un total de 150 intelectuais apoian ao BNG como a 'única' organización polític. BNG | Fonte: Europa Press

Na presentación deste 'Manifesto da Cultura', levada a cabo en Santiago este martes, a xornalista e escritora Ana Cabaleiro subliñou que todos os que subscribiron o escrito tratan de "dar voz" á cultura galega para que esta "se manteña viva". "Estamos a ver que as nosas voces fóra de Galicia son devoradas por un centralismo voraz", lamentou Cabaleiro.

"Queremos facer expreso o noso apoio a esta candidatura por considerar que é a única forza capaz de defender os intereses dos galegos no marco político do Estado", explicou a escritora e xornalista, quen subliñou "a diversidade e pluralidade" das persoas que asinaron o manifesto, que pertencen a todos os ámbitos de creación, como a literatura, o cinema, o teatro ou a música, entre outros.

Entre os asinantes se atopan persoas do mundo da cultura como o literato Suso de Toro, a escritora e xornalista Margarita Ledo e o director de cinema Alfonso Zarauza, quen nas eleccións municipais de 2015 formara parte das listas de Compostela Aberta con Martiño Noriega en Santiago de Compostela.

RESPONSABILIDADE

"O manifesto ten que ver coa responsabilidade dunha intelectualidade que desde sempre ten o dobre reto de ser voz crítica do seu tempo e de dicir que este país existe, de expresar a nación galega", subliñou Suso de Toro, quen indicou que a "responsabilidade moitas veces ten un custo".

Para De Toro, o BNG é unha voz "imprescindible" porque é a "única" que di que Galicia existe como nación. "A única que quere ter poder político propio, a única que non está sometida a estratexias da corte madrileña", alegou.

Así, fixo un chamamento ao conxunto da cidadanía para apostar "por unha forza propia, que non é unha improvisación, senón que vén de atrás e vai cara adiante".

Pola súa banda, a actriz Iria Piñeiro apelou á necesidade "de que se escoite os galegos en Madrid" e de "ensinarlle os dentes ao Estado español", á vez que reclamou políticas propias "tendo en conta que as persoas que se dedican á cultura son clase obreira e necesitan que se atenda o seu traballo porque o sector é un recurso de riqueza".

Así mesmo, o director de cinema, Alfonso Zarauza, quen formou parte das listas de Martiño Noriega para as municipais de Santiago de Compostela, mostrou a súa decepción do chamado espazo 'rupturista' e asegurou asinar o manifesto porque o BNG "é a única opción que ten a afouteza e a grandeza de defender os intereses de Galicia".

"Hai catro anos tiña toda a miña fe na Marea e despois destes anos o que máis transcendeu, por suposto eu respéctoo, pero en parte foi errado porque o que transcendeu foron as súas pelexas internas basicamente. Son intereses que non interesan ao país nin á sociedade. Creo que ademais houbo un enfraquecemento do nacionalismo galego e creo que non é positivo para Galicia", lamentou Zarauza.

Segundo Zarauza, estar na súa casa traballando "sería moito máis cómodo que visibilizarse politicamente", pero, ao seu xuízo, "é o momento de dar un paso adiante" e de ser valentes e "dar a cara". "Por iso apoio este manifesto a favor do Bloque", sentenciou o director galego.

O BNG explicou que a cidadanía pode sumarse ao manifesto a través da web 'paratervozpropia.gal', que xa recolle as firmas de "destacados creadores" como, ademais dos xa nomeados, Alfonso Becerra (dramaturgo), Antón Riveiro Coello (escritor), Carme Adán (escritora), Caxade (músico), Faia Díaz (cantante), Manuel Sendón (fotógrafo), María Lado (escritora), María Reimondez (escritora) ou Quique Costas (profesor na Universidade de Vigo), entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

13 Alpinista

Grande BNG pagafantas! As adhesións intelectuais medran ao calorciño da campaña, con soños humidos de contratos e charlas pagas polo poder político. A lista de ofrecidos a mantidos axuda a entender o declive da cultura e da política galega. Imaxinen que fosen intelectuais críticos e que lles afeasen a Ana Pontón e a Villares a súa incapacidade para unir o nacionalismo galego, pois periga o chiringuito dos colocados polo BNG e En Marea. Mais non, estes son intelectos submisos e sistémicos.

12 M. Vila

A intelixencia co BNG? Que clasistas e que ridículos! Repasen o listado das eminencias e, desde a humildade e a indixencia, non rían... E non serán, tamén, moitos deles, as barriguiñas agradecidas? Exemplos hai, como o Xosé Lois García, grande difusor de Alonso Montero, coñecido por espallar o modelo españolista do PCE sen complexos, e mestre do que presumen os "estudados" da dereita. E non só, o tal García de Podente, é o intelectual ao servizo do Partido Podre no Sur de Lugo: unha charla, un folleto ilustrado, unha tribuna ou un concerto desde a primeira, unha farturenta merenda... Pois, hai moito resabido disposto a venderse, sobre todo cando o BNG ten poder e ofrece aguinaldos desde concellos e deputacións clientelares. Unha mágoa que a xente do común non teñamos suficiente sensibilidade nin educación para deixarnos influir pola caste endogámica e presebrista dos ilustrados, será que o BNG tamén se preocupa en exclusiva por contentar ás élites?

11 Gamelo

Intelectuais? Vexo que cada vez ese termo detúrpase máis...

1 Na torre de marfil

urxe unha desintelectualización polo ben da nosa terra.

10 Desfeita

A min o que me abraia é que, precisamente agora que En Marea foi quen de autocentrarse e liberarse da "protección" de Podemos e IU, esté a afortalarse o discurso de "somos os únicos" por parte do BNG. Parece máis ben unha reacción de medo histérico a que se amose que NON son os únicos. Dito o cal, eu son da opinión de que a En Marea despodemizada e o BNG deberan ir xuntos a estas eleccións.

1 Per

Ë sabido que en Marea intentou todo oq ue poido non romper con Podemos e os alcaldes ata o ultimo momento, e só ofrceu ir ao Senado co Psoe e BNG(un disparate).Penso que no futuro non lle queda outra que coaligarse ao Bng ou a Podemos que vai ser a beneficiaria deste roto, inda asi Podemos vai ao 40% dos votos que tiveron en Galicia.

2 Desfeita

En Marea non podía marchar de En Marea nin expulsar Podemos sen traizoar a idea de confluencia, tiña que esperar que fose Podemos e os seus segundóns quen marchasen, daí que o tirapuxa se alongase até o último momento. Se fosen antes as eleccións comunais, habería uns resultados obxectivos sobre os que negociar co BNG para as xerais, mais co adianto destas e o BNG crecido co soño (eu penso que van) de recuperar todos os votantes que marcharan á confluencia, non había opcións. Veremos despois do baño de realidade do 28-A. A lástima é que Galiza -oxalá me equivoque- posibelmente vai quedar para os próximos catro anos sen representación de partidos propios en Madrid.

3 Desfeita

En canto á proposta de iren xuntos ao Senado PSdeG, BNG e En Marea, era tamén un disparate cando así o facían PSC, ERC e ICV?

4 Serafín

Concordo, o BNG vai saír escaldado o 28A: todos os datos inflados, os falsos apoios de antigos votantes, os egos dos dirixentes subidos no púlpito, a repetida negación das enquisas (decía onte aquí un adepto que os partidos sen representación non aparecen no CIS, para disculpar a aisencia do BNG, obviando desde o Partido Animalista, Vox, PDCat, Navarra Suma si aparecen)... Todo iso van pasar factura: a marxinalidade, pois os cidadáns lembramos os mentireiros e na esquerda non perdonamos!!! O 29A dimitirá Ana Pontón e toda a cúpula do BNG ou queimarán definitivamente a organización (aposto pola resistencia: suicidio colectivo do BNG, pois a prioridade é non perder o control do aparato e seguir vivindo do conto como profesional da política).

9 Paulinho

Non gosto de Pontón: efectivamente, non se lle coñece traballo remunerado nengún... quitada a actividade política desde ben noviña. Acho que é o último elo no decaimento de líderes -antes máis ou menos- carismáticos. Fóra diso, a má óstia de dicer que o BNG de Pontevedra é un pagaFantas non ten un pase: obxectivamente o modelo de cidade é unha "pasada" e, como outros lugares nos que goberna o BNG é certo que as persoas gañaron o espazo público. Por iso os argumentos contra Lores fican en "temas menores" ou intento de desprestixio de perfil moi, moi baixo. O "Bloque" acaba voltando porque.... fóra non hai nada, ninguén foi quen de artellar nada, nen da "dereita galeguista" eternamente refa-desfa-céndose nen das podemesías mareadas. Dos abaixo-asinados dos "intelectuais"... pffff. A min, plin....