Máis de 150 intelectuais asinan un manifesto a prol do BNG como "única forza capaz de defender Galicia"

Suso de Toro, Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, entre os asinantes do manifesto 'Aquí e agora. Para Galiza ter voz propia'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

Máis de 150 intelectuais galegos mostraron o seu apoio ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) asinando o manifesto 'Aquí e agora. Para Galiza ter voz propia', no cal destacan esta organización política como a "única" con capacidade para defender Galicia nas administracións estatais.

Un total de 150 intelectuais apoian ao BNG como a 'única' organización polític. BNG
Un total de 150 intelectuais apoian ao BNG como a 'única' organización polític. BNG | Fonte: Europa Press

Na presentación deste 'Manifesto da Cultura', levada a cabo en Santiago este martes, a xornalista e escritora Ana Cabaleiro subliñou que todos os que subscribiron o escrito tratan de "dar voz" á cultura galega para que esta "se manteña viva". "Estamos a ver que as nosas voces fóra de Galicia son devoradas por un centralismo voraz", lamentou Cabaleiro.

"Queremos facer expreso o noso apoio a esta candidatura por considerar que é a única forza capaz de defender os intereses dos galegos no marco político do Estado", explicou a escritora e xornalista, quen subliñou "a diversidade e pluralidade" das persoas que asinaron o manifesto, que pertencen a todos os ámbitos de creación, como a literatura, o cinema, o teatro ou a música, entre outros.

Entre os asinantes se atopan persoas do mundo da cultura como o literato Suso de Toro, a escritora e xornalista Margarita Ledo e o director de cinema Alfonso Zarauza, quen nas eleccións municipais de 2015 formara parte das listas de Compostela Aberta con Martiño Noriega en Santiago de Compostela.

RESPONSABILIDADE

"O manifesto ten que ver coa responsabilidade dunha intelectualidade que desde sempre ten o dobre reto de ser voz crítica do seu tempo e de dicir que este país existe, de expresar a nación galega", subliñou Suso de Toro, quen indicou que a "responsabilidade moitas veces ten un custo".

Para De Toro, o BNG é unha voz "imprescindible" porque é a "única" que di que Galicia existe como nación. "A única que quere ter poder político propio, a única que non está sometida a estratexias da corte madrileña", alegou.

Así, fixo un chamamento ao conxunto da cidadanía para apostar "por unha forza propia, que non é unha improvisación, senón que vén de atrás e vai cara adiante".

Pola súa banda, a actriz Iria Piñeiro apelou á necesidade "de que se escoite os galegos en Madrid" e de "ensinarlle os dentes ao Estado español", á vez que reclamou políticas propias "tendo en conta que as persoas que se dedican á cultura son clase obreira e necesitan que se atenda o seu traballo porque o sector é un recurso de riqueza".

Así mesmo, o director de cinema, Alfonso Zarauza, quen formou parte das listas de Martiño Noriega para as municipais de Santiago de Compostela, mostrou a súa decepción do chamado espazo 'rupturista' e asegurou asinar o manifesto porque o BNG "é a única opción que ten a afouteza e a grandeza de defender os intereses de Galicia".

"Hai catro anos tiña toda a miña fe na Marea e despois destes anos o que máis transcendeu, por suposto eu respéctoo, pero en parte foi errado porque o que transcendeu foron as súas pelexas internas basicamente. Son intereses que non interesan ao país nin á sociedade. Creo que ademais houbo un enfraquecemento do nacionalismo galego e creo que non é positivo para Galicia", lamentou Zarauza.

Segundo Zarauza, estar na súa casa traballando "sería moito máis cómodo que visibilizarse politicamente", pero, ao seu xuízo, "é o momento de dar un paso adiante" e de ser valentes e "dar a cara". "Por iso apoio este manifesto a favor do Bloque", sentenciou o director galego.

O BNG explicou que a cidadanía pode sumarse ao manifesto a través da web 'paratervozpropia.gal', que xa recolle as firmas de "destacados creadores" como, ademais dos xa nomeados, Alfonso Becerra (dramaturgo), Antón Riveiro Coello (escritor), Carme Adán (escritora), Caxade (músico), Faia Díaz (cantante), Manuel Sendón (fotógrafo), María Lado (escritora), María Reimondez (escritora) ou Quique Costas (profesor na Universidade de Vigo), entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

8 Abaixofirmante

Dúas preguntas que é preciso contestar. Algúns destes asinantes recibiu chamadas por parte dos liberados do BNG nas Deputacións de Pontevedra ou da Coruña realizadas no seu horario de traballo? A outra: Teñen medo algún destes ou destas “intelectuais” que ese PagaFantas no que se convertiu o BNG de Pontevedra deixe de convidalos ás súas papadas con cartos públicos se non asinan o tal manifesto de apoio?

7 xosel

Narcisismo? Antes collían todos nun taxi, agora sóbralles unha Bertolini.

6 Hai q roelo

O BNG é a única forza política que traballa por e para Galiza,o resto son sucursais de Madrid,tanto os dereitas como os de esquerdas.

5 Galiza SI

Teño baguas nos ollos, por fin se comenza a ver a realidade, sen partidismo, o nacionalismo ten que xuntarse, ten que facer un-ha piña, o nacionalismo e o mellor os outros están por sacarnos cousas e levalas a expaña a Madrid, son xente esbirra xente colonial... non son galegos e xente ma, pero que moi ma! AUTENTICOS OPRESORES DO POBO E A PATRIA Galiza desperta do teu sono fogar de Breogan!

4 Galeguiña

Nación galega, estratexias da corte madrileña, ensinar os dentes a España…con esas propostas votarán polo Bloque os que xa o votan, poucos máis. E dicir caseque ninguén. Seguide así e tamén seguirán as maiorías absolutas do PP