Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/04/2019 | Actualizada ás 14:00
O ADN revolucionou a ciencia forense. Axudou a atrapar asasinos en serie e a exonerar a persoas inocentes, pero a medida que as técnicas de xenética forense se desenvolven, tamén aumentan as dúbidas sobre a súa eficacia, ou cando menos, sobre a súa importancia. Por iso, un novo libro tenta “que as expectativas de o que pode ou non esclarecer se baseen na ciencia e non na ficción televisiva”.
A guía Interpretando la genética forense tenta aclarar que a partir dunha mostra de ADN non se pode predicir o aspecto físico xeral dunha persoa que deixou restos biolóxicos na escena do delito, aínda que si algúns rasgos visibles como a cor do pelo ou dos ollos.
Nesta obra, impulsada pola organización sen ánimo de lucro Sense About Science, traballaron algúns dos máis reputados xenetistas de Europa e investigadores da Sociedade Internacional para a Xenética Forense, entre ele, os galegos Ángel Carrecedo ou Lourdes Prieto. O seu obxectivo é informar ao público da realidade das probas de ADN en aplicacións forenses e as súas limitacións á vez que aclarar algunhas malinterpretacións que existen.
Entre esas malinterpretacións está a infalibilidade das probas de ADN. Pero o certo é que o noso ADN está en todas partes, mesmo en lugares onde nunca estivemos xa que nos desprendemos continuamente del e alguén o pode transmitir. Tamén, que o ADN por si só non resolve delitos xa que é un instrumento de investigación eficaz só cando se utiliza dentro dun contexto máis amplo formado por todas as demais probas dun caso.
BUSCAR OU DESCARTAR CULPABLES
Para a investigadora colaboradora do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC Lourdes Prieto Solla, a pesar do familiarizados que estamos co termo ADN, con frecuencia se malinterpreta o que realmente pode dicirnos, de aí a utilidade desta guía. “En España son ben coñecidos certos casos, como o asasinato de Eva Blanco ou os de Rocío Wanninkoff e Sonia Carabantes, pero quizais se sabe menos dos detalles sobre o papel que xogou a xenética forense á hora de atopar culpables ou descartar sospeitosos”.
Pola súa banda, o catedrático de medicina Legal da USC Ángel Carracedo móstrase partidario de aproximar a ciencia á rúa e explicar a todos o valor e os límites das aplicacións forenses do ADN. “Vivimos nun mundo no que as novas xornalísticas e as series televisivas teñen máis impacto que a divulgación científica, o que fai que a cidadanía teña ás veces crenzas erróneas sobre a proba de ADN e por iso poden, nalgúns casos, non valorala correctamente”. O obxectivo da guía é “precisamente divulgar que é a proba do ADN, cales son as súas posibilidades e por suposto cales son as súas limitacións”, explica..
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.