Novas formas de loitar por un monte autóctono galego

Os lumes son unha das lacras do noso país. As lapas devoran os montes galegos ano tras ano. Os expertos sinalan como unha das súas principais causas as enormes plantacións de eucaliptos que cobren o terreo galego. Cousa de Raíces combate esta e outras especies invasoras. A plataforma é unha das moitas que defende un modelo forestal galego diferente ao actual no que se aposte por especies autóctonas.

Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 10/04/2019 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

Os incendios xa non son só cousa do verán. Este ano, a chegada da primavera encheu de cinsa os bosques galegos. Con máis de 1.100 hectáreas de monte arrasadas, o incendio de Dodro e Rianxo foi o máis devastador do último ano, pero non o único. Outras localidades como Calvos de Randín, O Barco ou Chandrexa deron a benvida á nova estación coas lapas devorando os seus bosques. A Asociación de traballadores de incendios forestais de Galicia, Atrifoga, mencionaba entre as causas da desestacionalización dos lumes as altas temperatura, a ausencia de chuvia e a sequidade da biomasa vexetal e do chan.

Cousa de Raíces
Cousa de Raíces

Pero un dos grandes, se non culpable si agravante, é o eucalipto. Esta árbore, xunto con outras especies foráneas, son de carácter invasor polo que acaban afogando a vexetación local. Eucalipto e acacia son dúas árbores que secan o solo e ademais, en certas situacións, arden con extrema facilidade, explica Lucas Cabaleiro, membro da Comunidade de Montes de Teis. “É a árbore gasolina”, afirma, “con unha chispa arde todo”.

Asociacións ecoloxistas cualifican de mala a situación actual do monte galego. Lucas Cabaleiro, integrante tamén da agrupación Arlequín MonTeis, ve a situación “moi negra”. Afirma que, se ben a poboación comeza a decatarse desta realidade, aínda queda un longo camiño por diante. “Ata que arda todo paréceme que a xente non se vai acabar de concienciar”, declara. Pola súa banda, Antón Masa, presidente de APDR apunta que o eucalipto é “pan para hoxe e fame para mañá” e que mentres a política forestal da Xunta siga apoiando a Ence e as fábricas de taboleiros o panorama “vai a variar ben pouco”. “Mesmo desde o punto de vista económico plantar eucaliptos é unha miseria”, engade, “custa máis o transporte que o que pagan (Ence) pola madeira”.

EN PÉ POLO MONTE GALEGO

A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, organizou os pasados 21  e 23 de marzo a primeira “Deseucaliptización Simultánea” no monte galego.  O obxectivo principal desta iniciativa foi a de poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario coa retirada de exemplares de especies forestais foráneas e invasoras.

Cousa de Raíces
Cousa de Raíces

A plataforma Cousa de Raíces está conformada por un amplo grupo de colectivos de toda Galicia e de diferentes ámbitos, entre os que atopamos a ecoloxía ou a cultura. Aínda que accións coma esta se tiñan levado a cabo xa noutros momentos, esta é a primeira deseucaliptización deste tamaño e que ademais se realiza de maneira simultánea e implicando tantas agrupación. “É importante que colectivos que temos obxectivos comúns fagamos accións comúns”, afirma Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa Da Ría (APDR), pertencente a Cousas de Raíces.

A proposta consistiu na retirada simultánea de exemplares de especies forestais foráneas e invasoras en diferentes puntos de Galicia. Na actividade, promovida por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, participaron máis de 360 voluntarios. Os participantes arrincaron masas de eucaliptos, acacias negras e mimosas, especies que proliferan descontroladamente e prexudican as especies propias. O presidente da APDR Antón Masa fai fincapé na importancia de “concienciar sobre o valor do monte” e o “amor” cara el. Masa salienta ademais a necesidade de manter un monte coidado para evitar posibles incendios.

O EUCALIPTO, OBXECTIVO PRINCIPAL

O eucalyptus globulus foi a especie máis eliminada das cinco que se pescudaban nesta primeira deseucaliptización. O melanoxylon ou acacia negra, foi a segunda neste ránking, seguida da cortaderia selloana ou herba da pampa. Ademais, os voluntarios arrincaron tamén pés de pinus radiatanos (piñeiro californiano).

En total, leváronse a cabo 11 actuacións de eliminación e cubriuse un total de 145.000 metros cadrados. As accións desenvolvéronse en montes de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, A Coruña, Mondariz, Ponteareas, Agolada, Caldas de Reis, Melón, Ponte Caldelas, Teis e Lousame. Segundo os primeiros datos publicados pola rede Cousas de Raíces, o número de pés vexetais eliminados en total alcanza os 206.892 pés de eucaliptos e acacias eliminados do bosque galego

OUTRO MODELO DE MONTE É POSIBLE

O 6 de abril, Cousas de Raíces realizou unha repoboación con árbores autóctonas. A plataforma defende que outro modelo forestal é posible e non está só nas mans do goberno galego.“Hai responsabilidades por todos lados”, afirma Masa facendo referencia as iniciativas levadas a cabo en prol deste modelo por parte de mancomunidades de montes de zonas como Pontevedra. Aproveitar subprodutos do monte como cogomelos, castañas ou noces, a madeira provinte de limpezas e podas, realizar compost ou cultivar cogomelos son opcións que se barallan para este novo modelo. Mentres tanto, colectivos e asociacións seguen a loitar polo monte galego con diferentes actividades a nivel máis local. 

Cousa de Raíces
Cousa de Raíces
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 anonimo

O monte galego arde porque hai galegos que lle prenden lume. E ninguén obriga aos galegos que prantan eucaliptos a plantalos. Non é cuestión de "modelo forestal", porque a decisión de plantar eucalitos non é consencuencia de ningún " modelo forestal". ¿ Por qué non decides eso ben craro ?

1 José

É consecuéncia do mercado. Se a demanda é de eucalipto ou piñeiro, pois iso será o que se plante. Pero hai que ter en conta que as políticas modulan os mercados. Se non hai políticas compensatórias, o mercado non é máis que a materialización do modelo de monte da indústria da celulosa e o taboleiro. Chámalle como queiras.

2 Dimasiado

É consecuencia de que non existe ningún modelo forestal, por iso cada un fai o que lle peta e en 20 anos chegouse ao número de hectáreas de eucalipto que o Plan creado pola Xunta no 1995 calculaba para dentro de 40 anos. Ese é o verdadeiro problema, a política do "ti vai facendo, que xa...". Efectivamente, ninguén lles obriga a plantalos pero tampouco hai ninguén que lles diga que non o fagan e que planten outras cousas.