Empresas que transportan residuos a Sogama denuncian a sabotaxe de camións

Estes feitos teñen lugar antes do inicio da folga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Empresas subcontratadas pola UTE Renfe-Copasa-Logirail, adxudicataria do transporte de lixo a Sogama, denunciaron ante a Garda Civil de Ordes (A Coruña) os danos supostamente causados a varios dos camións cos que prestan o servizo de forma regular.

Nun comunicado, estas entidades aseguraron que os vehículos estaban aparcados nunha nave industrial e preparados para continuar operando durante a folga convocada desde as 00,00 horas deste luns polos traballadores de Transportes Pacholo, a subcontrata que executa o maior volume de carga por estrada.

En concreto, conforme sinalaron, apareceron picadas as bombonas que dan estabilidade aos camións, "deixándoos inutilizables por graves riscos de seguridade". Por iso, indicaron que puxeron a disposición da Garda Civil as imaxes das cámaras e os informes dos vixiantes da zona, para localizar aos presuntos autores.

Na nota de prensa, ademais, indican que estes feitos se producen ante o inminente inicio da folga e poucos días despois de que a empresa carballinesa anunciase que estaba a considerar a opción de renunciar a seguir realizando o transporte dos residuos sólidos urbanos de Galicia á planta de Sogama.

PROTESTAS NOS ACTOS DE FEIJÓO

Pola súa banda, os traballadores convocaron varias protestas este sábado con motivo de varios actos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tiña convocados en Santiago de Compostela e o veciño municipio de Teo pola campaña electoral.

Precisamente, en declaracións aos medios na protesta celebrada nas inmediacións da praza de Abastos, onde Feijóo tiña previsto realizar un paseo electoral, o presidente do comité de empresa, Manuel Regueira, denunciou a precarización das condicións dos traballadores.

"Transportes Pacholo é unha empresa pantalla que Copasa pon entre nós e eles", sinalou o representante dos traballadores que asegurou que os empregados "non teñen nin vestiario" a pesar de traballar con lixo. "No momento no que empezan a levantar a voz, a empresa decide facer oito despedimentos", censurou para advertir que "non os van a calar".

Recollida de lixo
Recollida de lixo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta