Polas estradas perdidas de Idaho

Nesta vixésimo cuarta entrega de 'Viaxes sen Lee', Gabriel Rei-Doval topa coa autoridade competente montada de Idaho.

Por Gabriel Rei-Doval | Idaho City (Idaho, USA) | 16/04/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para min Idaho era, antes de saír de Milwaukee, a terra estadounidense das patacas. Mais a medida que os días pasaron converteuse tamén na porta de entrada en Oregón, a terra prometida do Pacífico.

Entrando nas estradas perdidas de Idaho
Entrando nas estradas perdidas de Idaho

Cruza-la fronteira estatal con pendentes do dez por cento desde Jackson retou a virilidade xuvenil de Auris, que respondeu porén como todo un campión. Á mañá seguinte, e sen visita-lo Idaho Falls Temple como Jacey recomendara, iniciei a longa ruta ata Boise. Zumbando xa cara ós Craters of the Moon pola Highway 20, comecei a sentir por momentos estar nunha estrada perdida de Idaho na que só me orientaba Miss Gipiés e os ocasionais indicadores da ruta supostamente principal polo Estado pataqueiro.

Coas poboacións Shoshone Bannock da zona exterminadas, os segredos da espiritualidade pretérita arriaran e os misterios agachados nas covas volcánicas esculpidas pola caprichosa natureza viraran en pouco máis ca convencional engado turístico. O home branco fora quen de rapinar recursos naturais, anexionar territorios e extinguir altas culturas nativo-americanas, mais fracasara na creación dunha espiritualidade equivalente. Abofé, a liberdade capitalista a pouco máis aspiraba ca a coquetos malls destinados a anestesia-los ollos consumistas.

Así que trala alta experiencia espiritual nos cráteres da lúa o tempo era chegado de seguir ruta á capitalina Boise, centro neurálxico e político de Idaho. Mais, chegando a Picabo pola Hwy 20, fiel ó meu espírito Indiana Jones mugardés, tomei a verea paisaxística cara ó montañoso Sawtooth National Forest pola ruta panorámica 75. Parecía unha elección máis lóxica ca adentrarme nas sendas imposibles de Carrietown, onde o verán enchera os arroios de po, suor e bágoas. E así, obviando tamén a predicible Interestatal 84, seguín a ruta de montaña ata Stanley, situada nunha altura equivalente a Manitou Springs.

Quizais pola peculiar altura e o conseguinte descenso, a vertixe fíxome entrar nunha Lost Highway en versión Idaho. Mesmo sen fuga psicoxénica, a insensatez viaxeira pola Ponderosa Pine Scenic Byway avanzaba en formato Lynch por unha ruta de curvas máis sinuosas ca o Scalextric das Kardashian.

Na estrada máis surrealista de Idaho, continuando os excesos exploradores dos montes de Venus, só quedaba mante-lo pé no acelerador tanto como o radio das curvas permitise. Coa noite máis próxima ca o lugar de destino, arribei a Idaho City, urbana coma Beade, con surtidor de gasolina e cuarto de baño.

Completadas as urxentes obrigas de carga e descarga con eficacia propia de Fórmula 1, liscaba eu da gasolineira tan lixeiro como os cabalos de Auris permitían cando albisquei polo retrovisor as repentinas luces e sirena da autoridade competente. Alí viña a fume de carozo, saíndo da única intersección de Iowa City e aburrido coma Karl Marx en Wall Street, aquel poli de gafas escuras, Mustang KITT branco e suave acento pataqueiro. E todo facía pensar que me esperaba a mesma sorte ca a Julian Assange nun xulgado de Londres.

Parei, baixei a xanela e puxen as mans suavemente sobre o volante como marca o protocolo de supervivencia do condutor estadounidense. O uniformado axente, coa man esquerda sobre a pistola, solicitou con suavidade a documentación. Con permiso para bota-la man fóra do volante, saquei de carné e permiso de circulación. Recibida a autorización preceptiva, entreguei os documentos escusando con voz arrepentida a miña involuntaria conduta mentres alegaba extenuación total tras douscentos quilómetros polas montañas de Idaho. O axente, sen retira-la man esquerda da arma regrada, inquiriu sobre a miña celeridade e eu, esaxerando o acento mugardés, derretinme en desculpas de exhausto explorador polos vieiros estadounidenses. Mais o longo mea culpa recibiu a mesma imperturbable indiferenza, e o cabaleiro da man na coxa obxectou a miña asociación semántica entre cansazo e velocidade excesiva. Obviando alegar que o policial era o único vehículo en cen quilómetros á redonda argüín que, alén da miña extenuación, estaba obrigado a chegar ó AirBnB antes do solpor. Mais o axente porfiaba en argumentar con serenidade zen que chegar ó meu aloxamento nocturno se compadecía mal con dobra-la velocidade máxima permitida.

Así que, co gallo de axiliza-la solución a tan pertinaz e insoluble incidente policial, e case en escuridade total, decidín mergullarme con botella na estratexia woodyallen de negar ter recibido na vida multa de velocidade ningunha, ó tempo que aducía activar a cotío o controlador de velocidade. Ante tan demoledora estratexia, o coitado axente, con sinais de cansazo severo, optou por arriar bandeira branca e volver resignado ó coche patrulla, aínda en aparatosidade lumínica.

De alí a uns minutos, xa noite pechada, volveu convencido do meu impoluto historial de tráfico e, coas mans liberadas de obrigas armamentísticas, animoume con ecuanimidade policial a continuar amodo.

Velaí como, na compaña de Auris e Dahon, retomei satisfeito a marcha rumbo a Boise. Convencer un axente estadounidense de tráfico tras longo parladoiro semellaba proba clara da miña inmersión cultural plena no país, cando menos nas tranquilas e perdidas estradas de Idaho.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA