Ciudadanos, único dos principais partidos en Galicia que non contempla a transferencia da AP-9

En Marea, En Común e BNG son os únicos que inclúen o traspaso nos seus programas electorais, aínda que PP e PSOE se comprometen con esta demanda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

Os principais partidos políticos que se presentan ás eleccións do próximo domingo comprometéronse a completar a petición unánime do Parlamento galego de transferir a autoestrada AP-9 a Galicia, pero unicamente En Marea, En Común-Unidas Podemos e o BNG especifícano nos seus programas electorais.

AP-9
AP-9 | Fonte: Europa Press

Nin PP nin PSOE nin Ciudadanos contan con programa electoral por territorios pero, consultados dirixentes dos populares e socialistas, certificaron o seu compromiso con este traspaso, a pesar de propostas como a moratoria de competencias que propuxo Pablo Casado.

Así, o cabeza de lista do PP por Lugo, Jaime de Olano, asegurou que a súa formación xa "manifestou publicamente" o seu compromiso "instando á transferencia á Xunta" e lembrou que Pablo Casado "votou como un deputado máis a favor" de iniciar a tramitación no Congreso da lei para a transferencia da AP-9.

"Por tanto, ninguén pode dubidar do compromiso de Casado, máis aló da moratoria de transferencias no momento actual en que estamos, en que hai un desafío dunha parte dunha comunidade autónoma, polo que non parece o momento idóneo de sentar a falar de traspaso de competencias", apuntou.

"HAI COMPROMISO"

Pola súa banda, o vicesecretario xeral do PSdeG e número dous pola Coruña, Pablo Arangüena, indicou que, aínda que non figura no programa electoral, "o que si hai é un compromiso do traspaso da AP-9, así está reiterado". "Esta transferencia está desbloqueada", certificou.

En relación ao traspaso doutras competencias, o político socialista manifestou que o PSOE aposta polo Estado das Autonomías e, neste sentido, indicou que "hai dispoñibilidade a avanzar no autogoberno".

O único partido que non definiu a súa postura de forma concreta é Ciudadanos, que se limita a asegurar que hai que analizar "proles e contras" da transferencia.

Aínda que a formación laranxa asegura que buscará que se instauren programas de descontos concretos para esta autoestrada, consideran esta vía "estratéxica" a nivel estatal e advirte de que o "queren os galegos é pagar menos e para iso non fai falta transferila", en palabras do seu número un por Pontevedra, Beatriz Piñeiro.

EN MAREA, EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS E BNG

En Marea, En Común-Unidas Podemos e BNG si o inclúen nos seus respectivos programas electorais. Así, a formación que lidera Luís Villares reclama a transferencia e xestión pública" da autoestrada, tendo en conta que "as peaxes desorbitadas limitan o uso de acceso a esta vía e penalizan o seu uso como soporte de expansión da economía galega".

Mentres, os socios encabezados por Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz tamén "reclaman recuperar para o público" a AP-9 e transferir a competencia para "acabar coa anomalía de que a principal infraestrutura de comunicación de Galicia sexa competencia estatal e que sexa explotada por unha empresa privada".

Igualmente, o BNG pide o traspaso da AP-9 (que une Ferrol e Vigo), pero tamén da AP-53 (entre Santiago e Lalín) e a "nacionalización destas infraestruturas para acabar co espolio económico que representan actualmente".

OUTRAS COMPETENCIAS PARA COMPLETAR O ESTATUTO

Ademais, estas tres formacións políticas especifican nos seus respectivos programas electorais a súa intención de completar transferencias para a Comunidade galega. "Efectivizar as transferencias pendentes por parte do Estado para o desenvolvemento do Estatuto de Autonomía", sinala En Marea.

En xeral, este tres formacións políticas reclaman a AP-9, a inspección de traballo, transferencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria, portos de interese xeral do Estado, salvamento marítimo e sanidade penal.

O BNG, ademais, tamén reclama as competencias en seguridade pública, policía xudicial e fiscal e garda de tránsito, para o que é preciso contar cun corpo de policía galega.

TERRITORIO E LINGUA

Jaime de Olano asegurou que o programa dos populares defende "un modelo de España constitucional e autonómica, con respecto á singularidade de todos os territorios e, especialmente, un territorio como Galicia, pero sempre desde a lealdade da unidade de España e Galicia, que é exemplo de cidadáns, libres e iguais en dereitos e obrigacións".

Ademais, sostivo que en materia industrial, o PP defende alternativas para "manter a industria electrointesiva" en Galicia, singularmente Alcoa; aposta por que Ence siga na súa localización actual, potenciará os sectores produtivos e buscará un financiamento autonómico que teña en conta a dispersión poboacional.

No programa do PSOE, como destacou Arangüena, atópanse contemplado un novo plan forestal, o desenvolvemento do Corredor Atlántico (tamén no dos populares), a aposta polas liñas ferroviarias de proximidade (como o tren A Coruña-Ferrol, citou), e o "fomento" dos sectores produtivos, incluído pesca, agricultura e automoción.

Ningunha destas dúas formacións observan iniciativas sobre o idioma propio e defenden a situación actual. "É exemplo de convivencia con absoluta normalidade", aseguran os populares, mentres que o PSOE sostén o seu "respecto absoluto á cooficialidade" e aposta pola lingua propia como "patrimonio cultural" de Galicia.

Pola súa banda, Ciudadanos quere que o español sexa "vehicular" en todas as aulas do Estado. Beatriz Pino, candidata por Pontevedra, manifestou a súa aposta pola cooficialidade, pero asegurou que lle "consta" que "hai xente que quere recibir información en castelán" e non ocorre. "Non queremos que se impoña, pero nin unha lingua nin a outra", sinalou.

Fronte a eles, En Marea, En Común e BNG buscan potenciar o galego e recoñecemento desta lingua máis aló da Comunidade, con produción cultural e difusión en todo o territorio estatal, inclusive nos medios públicos.

OUTRAS LIÑAS DO PROGRAMA

Ademais, En Marea presentou un programa electoral baseado en "xustiza social, avance democrático e ecoloxismo", con 299 medidas que tamén buscan o desenvolvemento industrial e socioeconómico galego; e que busca unha sociedade galega "fortemente afincada e solidaria, cun vínculo estreito coa idea do espazo nacional compartido cun estado de benestar amplo".

En Común-Unidas Podemos centra o seu programa, no que incorpora "400 medidas para dar respostas e solucións claras" aos problemas da cidadanía galega, e destaca o carácter "morado" das medidas, coa petición, por exemplo, de máis xulgados especializados en violencia de xénero (compartido coas outras dúas formacións).

Entre as liñas principais que inclúe o BNG, atópanse unha nova relación de financiamento autonómico de Galicia co Estado, derrogación da Lomce, recuperar o patrimonio "expoliado" por parte do Franco (Meirás, Casa de Cornide, estatuas de Isaac e Abraham), educación "laica" e sacar Ence da ría de Pontevedra e restaurar os terreos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Ciudadanos defende a constituição de 1912, centralista e uniformista. Não é uma surpresa, Ciudadanos é um partido anticonstitucional!