As tres fundacións sanitarias galegas aceptan negociar un convenio colectivo galego

O novo convenio afectará a 400 traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Os presidentes das fundacións sanitarias IDIS --Santiago de Compostela--, Profesor Novoa Santos --A Coruña-- e Biomédica de Galiza Sur --Vigo-- aceptaron negociar cos seus respectivos comités de empresa a creación dun convenio colectivo autonómico que "rexa as peculiaridades laborais" deste sector, dedicado á investigación sanitaria.

Así o trasladaron en rolda de prensa, celebrada este mércores na sede da fundación compostelá IDIS, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, os tres presidentes dos comités de empresa das tres únicas fundacións sanitarias de Galicia, Ezequiel Álvarez (Santiago de Compostela), Paula Cerdeira (Vigo) e Alejandro Lamelo, da Coruña.

Ezequiel Álvarez foi o principal encargado de explicar o posible inicio da negociación como todo o proceso previo que lles levou ata este punto. Para empezar, relatou como xurdiu a iniciativa de establecer o convenio: "Os comités de empresa naceron o ano pasado co obxectivo de crear un convenio colectivo autonómico. É necesario para que se rexan as nosas peculiaridades laborais. Actualmente, a situación é precaria: sufrimos temporalidade nos traballos e a carreira profesional non está definida"

Así, Álvarez debullou a situación que sofren os máis de 440 traballadores --máis da metade deles son da fundación compostela-- deste tres institucións e que os levou a solicitar a creación do documento. O presidente do comité asegurou que, ademais de haber solapamento de funcións entre as diferentes categorías profesionais "ao non estar definidas claramente", o sector sofre unha "forte temporalidade nos contratos", que provoca que "só entre o 10% e o 20%" sexan indefinidos.

Así, e para paliar estes problemas, os comités de empresa dirixíronse "á Consellería de Sanidade e ao seu vehículo para estes asuntos, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)". "Queriamos que coordinasen a parte patronal na negociación, porque nós tiñamos clara a nosa función de representación dos traballadores", aclarou Álvarez.

A primeira reunión entre ACIS e os comités de empresa celebrouse "en outubro de 2018". Con todo, os representantes dos traballadores detectaron "bastante deixamento" pola súa banda á hora de darlles "unha resposta á pregunta de se intervirían ou non na negociación".

Investigación nunha fundación sanitaria
Investigación nunha fundación sanitaria | Fonte: EP

LONGO PROCESO

Deste xeito, o seguinte paso foi porse en contacto de "maneira informal" co Consello Galego de Relacións Laborais "para comezar a negociación". "Dixéronnos, pouco despois, que contactaran con ACIS e que parecían dispostos a iniciar a negociación entre comités e patronal", contou Ezequiel Álvarez.

"Como ACIS seguía sen tomar acción, realizamos unha segunda consulta, esta vez formal, ao Consello Galego de Relacións Laborais para que, definitivamente, mediase no conflito", continuou explicando o representante da Fundación IDIS.

Esta última acción sucedeu "o pasado 11 de abril", pero os representantes dos comités non obtiveron resposta algunha ata o pasado luns. "ACIS deu unha resposta negativa ao Consello. Non aceptaba mediar na negociación e derivaba a responsabilidade, directamente, ás tres fundacións. O martes, os presidentes e presidentas das fundacións puxéronse en contacto connosco, os comités, para ter unha reunión sobre o tema", relatou Ezequiel Álvarez.

A reunión entre os comités e os presidentes de Santiago e Coruña xa se realizou, mentres que a que incumbe á fundación de Vigo "celebrarase o vindeiro luns". En calquera caso, os presidentes do padroado de Coruña e Santiago, sinalaron estar "dispostos á negociación do convenio". Ademais, tamén parece haber luz verde a permitir que "o acordo teña carácter autonómico".

"Despois de todo isto, esperamos que a confirmación oficial para sentar connosco na mesa de negociación chegue rápido, antes dos próximos 15 días", concluíu o representante do comité santiagués. Pola contra, tal e como explicou, veranse "obrigados" a mobilizarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta