Os maiores tamén queren estar no mundo dixital

Máis de 2.000 persoas de máis de 60 anos participan nas propostas formativas en competencias dixitais impulsadas pola Obra Social de Abanca.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/04/2019 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A Área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de Abanca, reforza a súa aposta pola formación en competencias dixitais dos socios e socias dos seus espazos +60, unha das súas liñas de traballo prioritarias.

Os maiores tamén se suman ao mundo dixital
Os maiores tamén se suman ao mundo dixital | Fonte: Afundación.

Con máis de 2.000 participantes, esta programación céntrase nas utilidades prácticas das novas tecnoloxías, co obxectivo de descubrir aos asistentes os recursos dispoñibles na Internet que teñen un impacto real nas súas vidas diarias: desde escoitar música ou ler a prensa online á xeolocalización, a videoconferencia, o almacenamento na nube, o comercio electrónico ou os trámites en liña, a compra de billetes de transporte, planificación de viaxes, comparadores de produtos ou a consulta do tempo a través de webcams.

A acción da Obra Social de ABANCA na rede de Espazos +60 consiste en facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións que respondan as súas necesidades, intereses e expectativas, adaptándonos aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da Internet.

Cunha oferta estruturada en tres niveis de competencia —básico, intermedio e avanzado—, os socios e socias teñen a posibilidade de aprender a utilizar dispositivos como tablets, móbiles e portátiles, así como de participar en obradoiros de fotografía dixital ou de vídeo con móbiles, e en cursos como «Comunícate con videoconferencia, correo electrónico e mensaxería»; «Comercio electrónico e trámites online»; «Organiza as túas fotos e fai presentacións creativas para compartir»; «Entra nas redes sociais»; «Memoria en rede»; ou accións puntuais como os talleres «Pide cita a Facenda desde o teu ordenador» ou «Crea a túa conta de correo electrónico».

Nesta proposta tamén se inclúen os cursos «Xestiona as túas contas con ABANCA móbil», que se integran no programa de Educación Financeira da Obra Social de ABANCA e que teñen por obxectivo achegar ás persoas maiores o funcionamento do servizo de banca electrónica para que aprendan a realizar xestións como transferencias e traspasos, consultas de movementos, activación de tarxetas, domiciliación de recibos ou pagos seguros na Internet. Tamén se realizan obradoiros de temáticas específicas, como «Utilidades da app Curae», un servizo de teleasistencia para a seguridade e a localización de persoas maiores en caso de emerxencia, ou « App AlertCops 4.0» da Policía Nacional e a Garda Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta