Temas: EDUCACIóN PSDEG

O PSdeG critica o "aumento" de sesións lectivas do persoal docente de Educación secundaria

Fabiola García asegura que en 2020 haberá casas 'neno' nun de cada tres concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2019 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia criticou este martes o "aumento" das sesións lectivas do persoal docente de Educación secundaria provocado, ao seu xuízo, polo cambio de normativa realizado pola Xunta de Galicia. Tal como explicou o deputado do PSdeG Luís Manuel Álvarez Martínez na súa interpelación no pleno á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, a anterior normativa de secundaria recollía o feito de chegar a realizar 20 sesións lectivas á semana como algo "extraordinario".

Arquivo
Arquivo | Fonte: Galicia Confidencial

"A diferenza é que agora 20 é o número mínimo, estándar", criticou Álvarez Martínez, quen engadiu que os orzamentos da Xunta recollen ata 1.000 docentes máis dos que realmente dan clase en Galicia, polo que podería habelos. A todo isto, Pomar indicou que Galicia "conta cun modelo educativo adaptado á realidade da comunidade autónoma" e que está organizado para "dar resposta" ás necesidades.

Así mesmo, subliñou que en 2009 un de cada catro nenos abandonaba a educación, mentres que no primeiro trimestre deste ano o abandono escolar foi próximo ao 12%, mentres que en todo o 2018 do 14,3%.

CASAS 'NENO'

Por outra banda, en relación ás prazas de educación infantil para nenos de 0 a 3 anos, a conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que en 2020 haberá en Galicia 76 casas 'neno', "que se tratan dunha medida pioneira para aproximar os recursos de conciliación e de atención á primeira infancia aos concellos galegos de carácter rural de menos de 5.000 habitantes".

Así o fixo en resposta a unha interpelación exposta no pleno deste martes pola deputada popular Raquel Arias Rodríguez sobre o balance da Xunta respecto ao funcionamento e acollida das familias desta iniciativa desde a súa posta en marcha. García destacou que unha de cada tres localidades con menos de 5.000 habitantes contarán con este recurso xa que "ofrecen máis facilidades para mellorar a conciliación, favorecen a dinamización da economía local e contribúen a frear o declive demográfico".

"A gran acollida que lle deron as familias anímannos a que en 2020 vaia a haber 76 casas neno en todo o rural", apostilou a conselleira, quen engadiu que "a Xunta seguirá avanzando nesta dirección para que todas as familias, vivan onde vivan e sexan de onde sexan poidan ter os mesmos recursos".

Temas: EDUCACIóN PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta