Por Jorge M.de la Calle | Santiago | 31/12/2011 | Actualizada ás 12:57
Era mediados de agosto, e o proxecto naceu por iniciativa do editor Antón Lado, de 2.0 Editora, como o xornalista Marcos Pérez Pena salientou, “pola necesidade de falar sobre este tema dende Galicia, en galego e con autores galegos”. O resultado foi un conxunto heteroxéneo e heterodoxo de textos, voces diversas que abordan a análise dun dos fenómenos máis relevantes de 2011 dende numerosas perspectivas: a socioloxía, a economía, a politoloxía, a análise da comunicación e dos media, ou a propia autoimaxe e definición das asembleas galegas, ás que se lle dá voz tamén no libro.
Por un día, as asembleas trasladáronse ao trasfondo dunha libraría. Non manchándose no chan, mais sobre cadeiras e rodeados de vellos libros e manuscritos, o público tivo a oportunidade de escoitar, pero tamén de opinar e construír. A presentación adquiriu un formato de debate aberto no que puideron intervir todos os asistentes, para “contribuír con el á reflexión colectiva sobre o 15M”. Na mesa estiveron presentes o propio Pérez Pena, coordinador do proxecto; Antón Lado, editor; David Rodríguez, deseñador e autor do blog de pensamento “O funambulista coxo”; Carlos Neiras, sociólogo; e Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego.
“A Praza é Nosa. Quen constrúe a democracia?” naceu como proxecto editorial “co obxectivo de contribuír a enriquecer o debate sobre o movemento cidadán nacido no 15M e enlaza voces de analistas nun diálogo aberto, e aínda inconcluso”, animado, segundo Manuel M. Barreiro, polo que Benedetti chamou “crítica cómplice, onde uns e outros comparten as preguntas fundamentais, e, mesmo dende as diferenzas, procuran de xeito mancomunado respostas practicables para a construción dunha democracia comprometida co ben común e o logro solidario dunha vida digna de liberdade, xustiza e benestar para todos e todas”.
Con tal tarxeta de presentación, identificándose nun principio co espírito e funcionamento do movemento dos “indignados”, os distintos autores, como sinala Marcos Pérez Pena, “na súa meirande parte novos, novos en idade ou porque nunca participaran nun proxecto editorial”, reflexionan dende a teoría ou a praxe, mesmo de forma moi crítica, achegándose e distanciándose co obxecto de conquerir unha visión caleidoscópica e plural do fenómeno, pero sempre dende a identificación e do interior do movemento.
Asina o limiar Manuel M. Barreiro , e contribúen cos diversos textos Alfredo Iglesias Diéguez, Antón F. de Rora, Arturo de Nieves Gutiérrez Rubalcava, Carlos Diz Reboredo, Martín Cebreiro López, Carlos Neiras Cortizas, Carlos Taibo, David Rodríguez, Henrique Mariño, José Antonio López Rei, Manoel Barbeitos, María Queijas, Proxecto Derriba, Raimundo Viejo, Rosendo González, Víctor Sampedro e Xosé Manuel Pereiro. Nos anexos toman a palabra as asembleas de Compostela, Monte Alto na Coruña, Pontevedra, Vigo, e Democracia Real Xa Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.