Un candidato da lista de Vox en Sada denuncia que falsificaron a súa sinatura

Presentou un escrito na Xunta Electoral renunciando a figurar na mesma e denunciando que el non asinara nada.

Por Galicia Confidencial | Sada | 03/05/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

Juan Vicente López Fraga aparece como número 17 nas listas de Vox en Sada. Unha situación que di descoñecer por completo porque asegura que alguén asinou por el as actas presentadas ante a Xunta Electoral da Coruña.

Santiago Abascal, líder de Vox
Santiago Abascal, líder de Vox | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Por iso, este xoves, López Fraga presentouse nas oficinas deste órgano na Coruña para presentar unha reclamación. No seu escrito renuncia a lista de Vox por Sada e quere deixar constancia que “en ningún momento” asinou “puesto o lista alguna” e que coñeceu que figuraba nunha candidatura grazas á publicación oficial das listas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). “Dejo claro y así expreso deseo de no ocupar ni el 17 ningún otro puesto”, sinala no escrito

Con todo, e segundo fontes consultadas, a Xunta Electoral non anulará a lista porque, nestes casos, utilizarase a un suplente. Con todo, e de ir o caso a máis, a decisión final será dun xuíz. Pero para iso tería que haber a denuncia formal dalgún outro partido.

QUEIXAS

Polo momento, a única formación que presentou algunha queixa foi o PP en relación as listas da Coruña e Ferrol. Pero tras algunhas aclaracións por parte da Xunta Electoral, os populares decidiron non ir máis alá. 

A formación de ultradereita leva semanas con problemas para conformar as listas. Tal e como xa informou Galicia Confidencial a pasada semana, nas catro que presentaron na provincia da Coruña; a da capital, Santiago, Ferrol e Sada, houbo dificultades. As principais irregularidades teñen que ver coa composición da lista, a modificación de candidatos sen consentimento e, a máis grave, a sinatura de postos de lista sen que se enteraran os propios candidatos. Algúns falan abertamente de “falsificación de sinaturas”. 

Esta situación que se está dando nas listas de Vox é parella á que xa se deu noutros puntos do estado e que están demostrando a febre estrutura política que ten a ultradereita a pesar dos resultados obtidos nas xerais e nas eleccións andaluzas. Unha situación que pode acabar sen listas de Vox en importantes cidades e concellos, entre eles, algúns galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta