Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2019 | Actualizada ás 19:38
Dúas persoas faleceron e outra resultou ferida grave nunha colisión frontal entre dous vehículos, ocorrida minutos despois das seis e media da tarde deste sábado, na estrada entre Ribeira e A Pobra do Caramiñal, na provincia da Coruña, e que obrigou a cortar a vía nos dous sentidos de circulación durante máis dunha hora.
Segundo información facilitada polo servizo de emerxencias do 112 Galicia, o sinistro produciuse na AC-305, á altura de Xobre, en Palmeira, na localidade da Pobra, no punto quilométrico 35.
Os falecidos son dous mozos da localidade de Ribeira, que viaxaban nun Seat León. Trátase dun mozo de 29 anos e unha moza de 28. O seu vehículo impactou contra un BMW no que viaxaba unha muller de 45 anos que resultou ferida grave e foi trasladada en helicóptero do 061 ao Hospital Clínico de Santiago.
As dúas persoas falecidas tiveron que ser excarceradas polos bombeiros ao quedar atrapadas no interior do vehículo no que viaxaban. Ademais, o ocupante do outro turismo resultou ferido grave e tamén foi liberado polos bombeiros.
Desde o 112, que recibiu o aviso por parte de varios particulares, informouse ao 061-Urxencias Sanitarias, que debido á gravidade dos feitos, mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, alertou aos bombeiros de Ribeira e de Boiro, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local de ambas as localidades e a Protección Civil.
O corte de tráfico afectou ás dúas direccións da estrada e provocou importantes retencións na circulación, ao tratarse dunha zona próxima ás praias, segundo sinalou a Policía Local de Ribeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.