O 51% dos coruñeses está satisfeito cos seus servizos municipais

A limpeza viaria é o servizo peor valorado, con só un 29% de persoas satisfeitas.

Por E.P. | A CORUÑA | 07/05/2019 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

A satisfacción dos cidadáns da Coruña con respecto aos seus servizos públicos municipais é do 51%, por baixo da media nacional, que é do 57%, segundo o III Barómetro de Satisfacción dos Servizos Públicos do Observatorio de Servizos Urbanos (OSUR).

Esta terceira edición do barómetro de OSUR, plataforma pertencente á Asociación pola Excelencia dos Servizos Públicos, baséase nunha enquisa a 5.500 persoas sobre a súa opinión dos servizos públicos municipais nas 30 poboacións máis poboadas do país, incluídas A Coruña e Vigo.

No caso da Coruña, segundo OSUR, todos os servizos municipais rexistraron unha diminución na satisfacción dos cidadáns con respecto ao barómetro de 2018. Estes resultados sitúan á Coruña no posto 14 dentro da comparativa das 30 cidades analizadas, o que supón baixar un chanzo respecto da edición anterior, xa que baixou 7 puntos con respecto a última enquisa.

A subministración de auga é o servizo público municipal mellor valorado polos coruñeses, ao contar co 68% de aceptación, mentres que a media nacional do servizo sitúase en 75%. Os aspectos máis apreciados son a xestión do servizo (presión, continuidade do servizo, funcionamento do contador...) e a atención ao cliente, cun 71% e un 67% de avaliacións positivas, respectivamente.

OUTROS SERVIZOS ANALIZADOS

Por orde de satisfacción séguelle o servizo de transporte público, que os coruñeses puntúan cun 48% de opinións positivas. O aspecto mellor valorado, segundo OSUR, é o estado de limpeza e conservación dos vehículos de transporte público, cun 63% de satisfeitos.

A recollida de lixos e residuos obtén unha satisfacción do 45%, por baixo da media nacional, que se sitúa en 58. Os aspectos mellor valorados polos coruñeses son a frecuencia da recollida, co 55% de aceptación, e a atención ao cliente cando hai incidencias, cun 53% de aprobación.

En canto ao coidado de parques e xardíns e conservación de espazos públicos e equipamentos deportivos rexistra un 38% de satisfacción, fronte ao 59% do barómetro de 2018. Os coruñeses valoran o coidado que se brinda ás zonas verdes e o equipamento dos parques para distintas idades, ambos os aspectos co 42% de aceptación. Pola contra, o aspecto máis criticado é a presenza de persoal de mantemento nos parques e espazos públicos, cun 26% de satisfacción.

Finalmente, a limpeza viaria é o servizo peor valorado, con só un 29% de persoas satisfeitas. Este ano a media nacional sitúase oito puntos por encima, é dicir, en 37%. O máis apreciado é a frecuencia coa que se realizan labores de limpeza de vías na súa zona, cun 37% de aceptación. No entanto, un 66% de persoas móstranse insatisfeitas coa limpeza dos excrementos de mascotas.

Colectores de lixo
Colectores de lixo | Fonte: EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta