Científicos galegos avanzan na investigación contra o cancro

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) descobre que a identidade celular tumoral é clave para o desenvolvemento desta enfermidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

Científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) demostraron que unha das actividades fundamentais dos xenes do cancro, os oncoxenes, é eliminar a identidade da célula para convertela nunha célula tumoral. Os investigadores consideran que identificar as claves desa identidade celular tumoral podería abrir as portas a novas estratéxicas terapéuticas fronte ao cancro distintas das abordadas ata o momento.

Investigadores do IDIS descobren que a identidade celular tumoral é clave para o desenvolvemento do cancro. IDIS
Investigadores do IDIS descobren que a identidade celular tumoral é clave para o desenvolvemento do cancro. IDIS | Fonte: Europa Press

O traballo, publicado na revista 'Stem Cell Reports', describe como o uso do proceso de reprogramación celular a célula nai permitiu aos investigadores indagar na actividade dos oncoxenes. Isto foi posible grazas ás similitudes entre este proceso e o do desenvolvemento do cancro.

En concreto, este proceso de reprogramación permite converter en célula nai pluripotente calquera célula diferenciada adulta mediante a simple expresión de tres factores definidos. Este sistema, que lle valeu o premio Nobel ao seu descubridor —o xaponés Shinya Yamanaka—, supuxo unha enorme revolución no campo da medicina rexenerativa e a terapia celular pola súa promesa de achegar cantidades ilimitadas de todo tipo para substituír tecidos danados.

Pero, ademais de ter aplicacións prácticas directas, o proceso de conversión de células cunha identidade definida estable a células diferenciadas capaces de dar lugar a todo tipo de células con diversa especialización supón unha oportunidade única de estudo dos mecanismos que gobernan a identidade celular, tal e como sinalou o IDIS.

O equipo de investigadores que logrou este descubrimento está liderado polo doutor Manuel Collado, do laboratorio de Células Nai en Cancro e Envellecemento do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e polo grupo de Anxo Vidal, do laboratorio de Ciclo Celular e Oncoloxía do Cimus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta