Homenaxe aos coros históricos, vitais na recuperación do folclore e a identidade cultural galega

O Consello da Cultura Galega e Afundación presentan en Ferrol «Son de Galicia», a mostra que recoñece o labor dos coros históricos.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 09/05/2019 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega e Afundación (Obra Social de Abanca), presentan a exposición «Son de Galicia», unha mostra que recolle o espírito dunha época que definiu, a través da música e do baile, a identidade galega. Un relato que é posible construír a través dos arquivos dos catro coros históricos que permanecen activos: Toxos e Froles, Cantigas da Terra, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos.

Coro de Aires d'a Terra
Coro de Aires d'a Terra

A exposición, comisariada por Miguel Anxo Seixas, inaugúrase hoxe, ás 20.00 h, na Sede Afundación de Ferrol (pr. da Constitución, s/n), onde permanecerá aberta ao público ata o próximo 30 de maio, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

A traxectoria destas formacións é a que dá pé a «Son de Galicia» para reconstruír a historia do país a través de trinta paneis que prestan atención á música, ao teatro e á organización social dun tempo.

A mostra permite reconstruír a historia destas catro formacións de xeito individualizado, ao tempo que se pode facer unha lectura moito máis ampla que permita recoñecer o traballo común destas formacións: nomeadamente no labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións.

Ademais dos paneis, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), haberá espazo para material audiovisual que permite ver imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

OS COROS GALEGOS

A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e a da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. En resumidas contas foi a orixe e o modelo no que se reflectiron todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contar dunha identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Por iso é dos primeiros paneis dunha exposición que percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, que tomaron conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no caso de que se poida dicir así dunha Galicia ruralizada.

A exposición permite ver tamén outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: o seu carácter amador, onde os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; a súa solidariedade, xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas solidarias de Galicia e de fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, etc. Tamén se dá conta dunha faceta de embaixadores da cultura galega con mais de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta