Beiras cre máis necesarias que nunca as "políticas de unidade popular para "botar aos neofascistas"

Escenifica o Ferrol o seu apoio a Jorge Suárez e indica que a cidadanía "terá que decidir se se continúa adiante" ou se vai "para atrás" e lembra que os gobernos de Santiago, Ferrol e A Coruña foron "sometidos constantemente ao asedio e ao acoso".

Por Europa Press / Redacción | Cobas (Ferrol) | 16/05/2019 | Actualizada ás 21:44

Comparte esta noticia

O fundador de Anova e histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras acudiu na tarde do xoves ao acto de campaña de Ferrol en Común para apoiar ao candidato á alcaldía e á reelección Jorge Suárez, onde reclamou o apoio para "continuar coas políticas de unidade popular" tras a "malleira para as cabezas neofascistas" que, na súa opinión, supuxeron as eleccións xerais.

Así, Xosé Manuel Beiras empezou a súa intervención facendo referencia ao sucedido nos comicios do 28 de abril, onde "o réxime está a dar mostras de estar en plena descomposición" e Vox --"o señor vociferante--, que foi "parado pola cidadanía".

Os resultados electorais, cre, foron "unha considerable malleira para as cabezas neofascistas", en referencia ao PP, Cs e Vox, nuns comicios onde "todo o mundo estaba con moito medo e a situación era grave". Grazas a isto, continuou, "conseguiuse desenmascarar ao PP, a Cs e porlle o freo a Vox." Con todo, nestas eleccións municipais, afeou Beiras, algúns candidatos do PSOE "parecen heroes, querendo ser os grandes protagonistas e prometendo cambiar as cousas".

Fronte a isto, fixo referencia ao sucedido nas anteriores eleccións municipais de 2015, "con setenta candidaturas de unidade popular en Galicia", nunha comunidade onde "tres bastións do PP foron arrebatados por candidaturas de unidade popular", en referencia a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, polo que, engadiu, nestes comicios a cidadanía "terá que decidir se se continúa adiante ou se queren botar para atrás".

Neste tres cidades, explicou Beiras, os gobernos municipais foron "sometidos constantemente ao asedio e ao acoso", xa que os resultados nas eleccións xerais de 2015 e 2016 "non favoreceron" ás súas políticas, debido ao "auxe da esquerda emerxente", en referencia á saída de Pedro Sánchez da secretaría xeral do PSOE e a posterior abstención do grupo parlamentario socialista para que Mariano Rajoy fose investido Presidente do Goberno por segunda ocasión, nunha "vergoña dos Felipitos González de compañía".

Para Xosé Manuel Beiras, nas próximas eleccións hai que "premiar aos que estiveron durante catro anos facendo o traballo para a xente dos máis humildes e máis esquecidos", ou pola contra "premiar aos que agora veñen de heroes, ou premiar a aqueles que nos asediaron e oprimiron ás unidades populares."

SUÁREZ APELA Á UNIDADE

Pola súa banda, o candidato á reelección á alcaldía por Ferrol en Común, Jorge Suárez, cualificou como "ilusionante" esta campaña electoral para a formación e considerou "un feito histórico" contar co apoio de Xosé Manuel Beiras.

Retomando a súa palabra, Suárez cualificou a actual situación das políticas como "incompletas", tanto a nivel galego, como estatal, e, dixo, este proceso "é o momento de tomalo coa unidade popular", co obxectivo de "facer redes con todas as unidades populares no Estado para tapar todo o lixo neofascista".

O candidato de Ferrol en Común tamén concordou con que ests eleccións municipais "serán o momento de escoller" entre "aqueles que non derrogan unhas reformas laborais que favorecen a asfixia dos concellos" e que "impiden facer as políticas que quere o pobo", ou, en cambio, "escoller unha candidatura de unidade popular, cunhas políticas de igualdade, xustiza social e fraternidade".

Beiras nun mitin en Ferrol
Beiras nun mitin en Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Catabois

Vamos BOTAR logo, como dixo o ilustre profesor D. Xosé Manuel non hai moito tempo.