Contra a frialdade

Hai xente que pensa que mantendo unha certa distancia convértese nunha persoa máis atractiva e misteriosa. En realidade, igual devén sinxelamente fría e distante.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 24/05/2019

Comparte esta noticia
Cando nun establecemento, por dar un exemplo recorrente,  devolven o cambio de mala maneira ou se despiden sen mirar ou sen dicir nada, que se sinte? Pensamos que igual non caemos ben, ou que non lles gusta algún detalle noso. Poderíase volver outro día, e observar se é algo que lle fan a todo o mundo, mais non quedan ganas de repetir, podendo ir a onde son máis amables e coidadosos.
 
Algo semellante ocorre coas relacións persoais. Moita xente está tan pendente do seu teléfono móbil que tememos molestar ou apartalos de ver algo máis interesante do que somos nós. Talvez pensen que as páxinas e as persoas que están na pantalla emocionan máis que o ser humano que teñen diante, alguén imperfecto que pode traer desilusións.
 
Nótase que hai medo no ambiente. As noticias pintan con esmero o retrato dunha sociedade enferma e perigosa, onde fiarse de alguén é como mínimo un exceso de inxenuidade. É realmente así?
 
Nas redes sociais, brilla cegador o resplandor da hipocrisía, o narcisismo e a falsidade, omnipresentes nesa pantalla que absorbe cun magnetismo perturbador. 
 
Podemos xirar cara a unha conciencia máis solidaria e persoal? Os abrazos son un dos xestos máis seguros de amosar un aprecio real, e representan a antítese do virtual, do sinistro glaciar de cristal e metal que forman as pantallas que nos devoran e conxelan. É o perigo das máquinas sobre a cal advertía o neurólogo e escritor Oliver Sacks.
 
Volvamos aos abrazos; volvamos a bailar pegados; volvamos a viaxar amodo e en profundidade; volvamos á natureza que podemos tocar e gozar e coidar con todos os sentidos. Rescatemos o espírito na máquina, enfrontémonos á autoconciencia. Fagamos un exercicio de pensar que de verdade existe a xente boa e xenerosa.
 
Dous puntos relacionados: 
1. Un dos discos máis fermosos do que vai deste 2019 é “Titanic Rising” da cantautora Weyes Blood. Contén moitas cancións belísimas que lembran a Karen Carpenter, a Carole King e aos anos setenta. Se o álbum amosa algún problema, este consiste en que por intres reséntese dunha certa ... frialdade.
 
2. hai ilusión por ver a nova película de Ken Loach: “Sorry We Missed You”. O título, algo así como “sentimos ter perdido poder verte”, é sacado da mensaxe que deixan os repartidores no Reino Unido cando alguén non está na casa. Aparece de súpeto a reflexión de que cada película de Loach é unha aperta chea de tenrura e comprensión dirixida aos individuos  máis desfavorecidos da sociedade que el coñece, neste caso a da cidade de Newcastle, onde naceu o Sting que con The Police falaba dun sol invisible que a todos dá esperanza cando remata o día.

Redes sociais
Redes sociais | Fonte: arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.