Martiño Noriega abre a porta á súa marcha do Concello de Santiago tras a derrota electoral

A marea santiaguesa convocará a próxima semana unha asemblea que podería derivar no adeus de Noriega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

As bases de Compostela Aberta decidirán, previsiblemente a próxima semana, o futuro do rexedor santiagués en funcións, Martiño Noriega, quen puxo o seu cargo na corporación da capital galega a disposición da asemblea da marea compostelá tras perder o bastón de mando que ostentou no últimos catro anos.

Martiño Noriega
Martiño Noriega | Fonte: Europa Press

A derrota da lista de Noriega, que perde uns 7.000 votos e queda coa metade da representación obtida en 2015 --pasa de dez a cinco edís--, provocou que o aínda alcalde decidise someter a opinión das bases a súa continuidade no Concello.

Así o comunicou a través dunha mensaxe publicada nas súas redes sociais na madrugada do luns, horas despois de confirmarse a perda da alcaldía en favor do socialista Xosé A. Sánchez Bugallo, a quen Noriega felicita polo resultado. "O noso obxectivo era continuar a liderar esta nova etapa da cidade. Resulta evidente que non fumos quen. O que votáchedes, ben votado está.", sinala.

"Eu pola miña banda, máis aló da miña decisión persoal, porei o meu cargo na institución a disposición da Asemblea de Compostela Aberta", engade a continuación Noriega nunha mensaxe que vai na liña do expresado ao longo da campaña, durante a cal deslizara que non continuaría no Concello en caso de perder a alcaldía.

Así as cousas, fontes de Compostela Aberta confirmaron que a próxima semana será convocada unha asemblea na que, aínda que non está previsto a inclusión dun punto específico sobre o futuro de Noriega, esta será unha das principais cuestións a debate.

Antes, a coordinadora de CA reunirase nos próximos días para avaliar os resultados, que deixan á marea compostelá como terceira forza despois de ser o partido máis votado fai catro anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 O capador

Aínda seguides!!! Uns dicindo que o culpable foi Villares, outros Martiño, outros sabe Deus quen... Desaparecede dunha vez e deixádenos en paz!!! Saúdos con agarimo a Bernal Calvo de la Ciga, a eusi, a Guillerme gintonic e outros.

2 antón de guizán

Aliado con Podemos e Yolanda Díaz foi o que empezou a guerra en En Marea contra Villares. Agora paga as consecuencias, e Ferreiro tamén

1 Carmen Lastra

Martiño e Ferreiro son os responsables directos da liquidación de En Marea como ferramenta galega autónoma de Podemos. Non acreditan na capacidade d@s galeg@s! O ridículo entreguismo aos ditados de Madrid non deu recompensa, perderon apoios dos máis comprometidos coa terra. E a moda do postureo podemita xa foi. Agora Podemos cae, o líder do grande ego non levanta, e os lacaios caen co señorito de Galapagar. Triste camiño para unha oportunidade que podía ser unha esperanza. O mínimo, que dimitan xa!!!

1 Caneda

Os que liguidaron En Marea foron Villares, Cerna, Lidia Senra e a súa mini-yo Alexandra Fernández. Alégrome do batacazo que levaron na europeas con tan só 15 mil votos. Lidia para casa por desleal, traidora e felona.