Primeiros resultados do proxecto TurGaSur sobre arroaces en Galicia: 13.256 fotografías e 16 horas de avistamentos

A Cemma realizou 11 mostraxes de fotoidentificación en áreas mariñas Rede Natura 2000 e rexistrou 25 avistamentos de arroaces.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/05/2019 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O pasado mes de decembro, a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA puxo en marcha o proxecto "TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000", contando co apoio da Fundación Biodivesidad, do Ministerio para la Transición Ecológica. 

Arroaces fotografados o 15 de marzo de 2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS05 na área Rede Natura 2000 ZEPA Espacio mariño Rías Baixas
Arroaces fotografados o 15 de marzo de 2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS05 na área Rede Natura 2000 ZEPA Espacio mariño Rías Baixas | Fonte: Cemma.

Unha das principais accións establecidas dentro do proxecto é a realización de mostraxes nas áreas Rede Natura 2000 da ría de Vigo e augas próximas. Ata o momento, xa se realizaron 11 das 20 mostraxes que está previsto levar a cabo.

Estas mostraxes realízanse seguindo a metodoloxía de transecto lineal e fotoidentificación, e consisten en percorrer as zonas de estudo para tratar de localizar as mandas de arroaces e realizar fotografías das súas aletas dorsais. Deste xeito, se pode chegar a identificar individualmente a cada exemplar, mediante as marcas (cicatrices e feridas) propias e características que presentan na súa aleta dorsal.

As cinco áreas Rede Natura 2000 da ría de Vigo e augas próximas nas que se están a realizar as mostraxes son as seguintes: ZEC Enseada de San Simón, ZEC Costa da Vela, ZEC Illas Cíes, ZEC Illas Estelas e ZEPA Espazo mariño Rías Baixas.

Durante estas primeiras 11 mostraxes, se realizaron un total de 61,1 h de observación ao longo de 583,6 km de transecto de mostraxe. Rexistráronse un total de 25 avistamientos de arroaces, realizándose rexistros da presenza da especie en todas as mostraxes. A duración total destes avistamentos foi de 16,1 h. Durante este período de monitorización dos cetáceos, se realizaron un total de 13.256 fotografías.

Arroaces fotografados o 14 de abril de 2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS10 na área Rede Natura 2000 ZEC Illas Estelas
Arroaces fotografados o 14 de abril de 2019 durante a mostraxe TurGaSur TGS10 na área Rede Natura 2000 ZEC Illas Estelas | Fonte: Cemma.

Nestas mostraxes cabe destacar especialmente a participación dun total de 26 persoas voluntarias, que recibiron formación técnica específica para participar nelas, e que forman parte do equipo de voluntariado do proxecto, formado por 115 persoas. O voluntariado que participa nas mostraxes recibe unha camiseta e un certificado de participación no proxecto, e no se limita simplemente a acompañar ao equipo técnico da CEMMA, senón que ten unha actuación e participación moi activas a bordo, grazas aos coñecementos adquiridos nas xornadas de formación técnica específica ás que asistiron.

RECAPTURAS DE INDIVIDUOS RECOÑECIDOS.

Outra das importantes accións que se están a executar dentro do proxecto TurGaSur consiste en recompilar, catalogar e revisar o arquivo fotográfico dos arroaces fotografados e fotoidentificados en Galicia pola CEMMA a lo longo dos últimos 20 anos.

Trátase dun arquivo formado por máis de 62.000 fotografías, e máis de 580 aletas dorsais diferentes, que constitúen un elemento de grande importancia para poder obter información sobre diferentes parámetros poboacionais e ecolóxicos dos arroaces: desprazamentos, estrutura social, uso do hábitat, grao de residencia e reprodución.

Malia que os científicos recoñecen que aínda queda moito traballo por realizar, a revisión deste enorme arquivo fotográfico, e a incorporación dos datos obtidos nas mostraxes TurGaSur, así como os procedentes doutras entidades e persoas que están a colaborar co proxecto, permitiu obter información de grande interese referida ás recapturas fotográficas de individuos que tiñan sido rexistrados con anterioridade.

Entre os casos más interesantes de recaptura de individuos fotoidentificados que foron localizados ata o momento, caben destacar o rexistro de grandes desprazamentos de máis de 1.000 km ao longo da costa galega, a comprobación de que varios exemplares que foron rescatados de varamentos (algúns deles acompañados dos seus cachorros) conseguiron sobrevivir, ou o rexistro de exemplares que son coñecidos dende hai case 20 anos.

O PROXECTO

TurGaSur está adherido ao LIFE IP INTEMARES, o maior proxecto de conservación mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa. O obxectivo xeral do proxecto é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Os obxectivos específicos de TurGaSur son o coñecemento sobre a estrutura social e o uso do hábitat da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur; avaliar e promover as áreas mariñas Rede Natura 2000 como elementos de importancia para a conservación da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur, e potenciar a participación social como ferramenta fundamental para a conservación das áreas protexidas e das especies ameazadas, mediante a participación en mostraxes científicos.

Para levar a cabo este proxecto e poder realizar os traballos de monitorización de cetáceos, a CEMMA conta con autorizacións administrativas expedidas por la Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, xa que os arroaces son unha especie protexida.

O proxecto finalizará o vindeiro mes de outubro, e nestes momentos xa se obtiveron os primeiros resultados, que presentamos a continuación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta