As seis persoas detidas en distintas provincias por corrupción no deporte declararán ante o xuíz

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

As seis persoas que foron detidas pola Policía Xudicial en cinco cidades españolas, dúas delas en Huesca, como posibles responsables dos delitos de corrupción no deporte, estafa e branqueo de capitais, ao parecer posiblemente relacionados co amaño dalgúns partidos de fútbol, declararán ante o xuíz, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón.

Campo de fútbol
Campo de fútbol | Fonte: Wikipedia

Das detencións practicadas pola Policía Xudicial dúas realizáronse en Huesca, e unha en Málaga, unha en Valladolid, unha en Madrid e outra na Coruña. Entre os arrestados inclúese o galego Borja Fernández que xogou no Valladolid e o xogador rioxano do Deportivo da Coruña Íñigo López.

Estas detencións producíronse despois de que o xuíz instrutor autorizase este luns nove entradas e rexistro en cinco cidades españolas. As entradas e rexistros fixéronse en seis domicilios particulares, dúas casas de apostas e o Club de Fútbol Sociedade Deportiva Huesca, investigada na causa como persoa xurídica. A todos os detidos impútaselles pertenza a organización criminal, corrupción entre particulares e branqueo de capitais.

O presidente da Sociedade Deportiva Huesca, Agustín Lasaosa, chegou na mañá deste martes ás dependencias do club coa Policía e estivo presente no rexistro das dependencias do club.

Xunto ás entradas e rexistros o xuíz instrutor autorizou, igualmente, o envorcado de todos os dispositivos informáticos atopados.

O maxistrado encargado da investigación xudicial, titular do Xulgado de Instrución número 5 de Huesca, abriu dilixencias o pasado 12 de novembro de 2018 por denuncia da Fiscalía tras as pertinentes investigacións realizadas por esta.

A causa xudicial aberta investiga, en principio, a posible comisión de delitos de corrupción no deporte, estafa e blanqueo de  capitais. Esta investigación xudicial ten a súa orixe na denuncia presentada, en xuño de 2018, polo Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol ante a Fiscalía Provincial de Huesca por supostas irregularidades no partido Nàstic-Huesca.

Ata este momento o xulgado levou a cabo numerosas dilixencias de instrución e probas tecnolóxicas. O próximo día 30 de maio está previsto que pasen a disposición xudicial o seis detidos na mañá deste martes para prestar declaración ante o instrutor e o Ministerio Fiscal.

Ademais das persoas xa detidas o xulgado investiga tamén a outras 15 persoas máis relacionadas co mundo do fútbol e as apostas deportivas e unha personalidade xurídica, o Club de Fútbol Sociedade Deportiva Huesca. O maxistrado declarou o segredo de actuacións na causa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta