A oposición pide parar o concurso de transporte sanitario por situar a oferta económica como principal criterio

O tres grupos da oposición no Parlamento de Galicia reclamaron que se paralice e o PP alude que o concurso conta con "mais e mellores servizos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O tres grupos da oposición no Parlamento de Galicia reclamaron ao Goberno galego que paralice o novo concurso convocado de transporte sanitario ao entender que "non vai solucionar as demandas da poboación e os profesionais" e que sitúa a oferta económica como principal criterio para a adxudicación.

A proposición non de lei presentada polo BNG contou co apoio do PSOE e de En Marea, pero non saíu aprobado ao votar en contra do PP, grupo maioritario. A deputada popular Encarnación Amigo defendeu que o novo concurso conta con "máis e mellores servizos" e un "orzamento que aumentou máis do 50%".

En canto á oferta económica, asegurou que o 40% é a valoración e as melloras no servizo son o 60% e rexeitou os recortes no persoal técnico aos que aludiron os nacionalistas. En concreto, relatou que Galicia contará, entre outras, con 16 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico ou dúas ambulancias non asistenciais convencionais. Ademais, o "concurso permitirá mellorar a oferta asistencial do 061" ao incorporar "ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado con enfermaría".

Con respecto ás críticas aos medios persoais, insistiu en que o novo concurso establece que "todas" as ambulancias medicalizadas contarán con dous técnicos, máis unha persoa de enfermaría e un facultativo médico. No prego do novo concurso especifícase que todas as ambulancias de soporte vital avanzado e básico "teñen que ser novas".

En resposta ás críticas de En Marea, reiterou que "non hai recortes, senón melloras e xestión" e acusou á oposición de "faltar á verdade" e de "alarmar". "As alarmas non saltan polo concurso, saltan por vostede", respondeu á deputada do BNG. A proposición nacionalista pedía a dotación de todas as ambulancias medicalizadas (ASVA) con equipos profesionais, que "tiñan ata agora, dous técnicos, 1 persoal de enfermaría e 1 persoal facultativo" e "ampliar as ambulancias que se demandan de forma constante" nas zonas de Valdeorras, Baixo Miño e Bergantiños.

Montse Prado denunciou no debate que xa no ano 2014 o BNG advertira que "o concurso ía ser fonte de problemas" pero, a pesar diso "realizouse á baixa e de forma evidente e clara para ofertalo a unha empresa con claras conivencias co PP". Agora, remarcou, "chove sobre mollado, o PP non aprende e é reincidente en persistir nun servizo de peor calidade". "O concurso acende as alarmas porque non vai solucionar problemas e demandas de poboación e profesionais".

Unhas críticas ás que se sumaron PSOE e En Marea. O deputado socialista Xullo Torrado aludiu a "baixas temerarias" no anterior concurso e pediu ao PP que "non amenta" co servizo sanitario, apuntando, en ton irónico, que "antes das eleccións case calquera que chamase á Xunta tería unha ambulancia medicalizada case por encantamento".

Pola súa banda, En Marea tamén levou ao debate a recente folga dos traballadores do transporte sanitario e acusou ao PP de querer "un modelo privatizado que non garante o servizo".

A oposición pide para o concurso de transporte sanitario
A oposición pide para o concurso de transporte sanitario | Fonte: FEGAM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta