Cifras e letras dunha asemblea

A recente Asemblea Nacional do BNG ofrece un bo repertorio de datos para reflexionar sobre o exercicio e o concepto mesmo da democracia no interior das organizacións políticas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 03/02/2012

Comparte esta noticia

Repasemos as cifras. Nunha organización de case 9000 persoas afiliadas decidiron participar directamente na Asemblea a metade dese censo electoral total .Rexistrouse, pois, un nivel de abstención superior ao que se ven dando nos principais comicios electorais que se celebran en Galiza (municipais, autonómicos e xerais). Un pouco mais da metade das persoas que participaron nas votación elixiron as candidaturas presentadas por APU, de tal xeito que se pode afirmar que o apoio do 25% do total da afiliación permite dispor da maioría numérica nos órganos de dirección do BNG.Obviamente, a conclusión sería semellante se as candidaturas gañadoras foran –pola mesma marxe diferencial- as promovidas, conxuntamente, por Mais Galiza e o Encontro Irmandiño.

Esta fotografía do comportamento electoral do microcosmos formado pola afiliación do BNG non cuestiona a lexitimidade dos resultados obtidos pola parte vencedora. Poren, ver o conxunto do cadro si pode facilitar unha xestión adecuada da vitoria. A democracia interna nunha organización que –como é o caso do BNG- pretende ofrecer un proxecto de transformación e rexeneración do funcionamento da sociedade galega non debería ficar reducida á contabilización dos votos exercidos nunha cita asemblearia periódica. Debería incluír a creación de canles específicas para establecer novos consensos internos en base ao patrimonio programático acumulado pola organización nacionalista nos seus trinta anos de existencia.Os relatorios aprobados o domingo non son os únicos sinais identitarios consagrados na traxectoria do nacionalismo galego moderno. Velaí un dos retos da nova dirección e, singularmente, da súa fracción maioritaria:seren capaces de promover dinámicas integradoras que neutralicen os procesos centrífugos que teñen adquirido especial relevancia nos últimos anos.

A existencia de discrepancias internas ficou constatada na XIII Asemblea do BNG.Mais iso non é unha orixinalidade desta formación política. O que pode distinguila significativamente das restantes  é, precisamente, a xestión desas diverxencias.Aí reside, certamente, a proba do nove da calidade desa democracia interna tan reiteradamente invocada nos discursos e nos documentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.