A Xunta potencia o sector naval e do metal cunha misión comercial en Noruega

Alí buscaranse posibles oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas paras as empresas galegas destes sectores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acompañará esta semana a unha delegación galega nunha misión comercial en Noruega en busca de posibles oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para as empresas galegas do sector naval e do metal.

Nesta viaxe, a delegación formada por 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, participarán na Feira Nor-Shipping, un dos eventos internacionais máis importantes para a industria marítima que se celebrará desde o 4 ao 7 de xuño en Oslo.

Neste encontro, referente a nivel mundial do sector naval e que se celebra desde hai dous anos, haberá 900 expositores de preto de 50 países, que apostan pola economía azul e a innovación cunha sala dedicada ás novas solucións baseadas na sustentabilidade, segundo explicou a Xunta nun comunicado.

EXPORTACIÓNS E PREVISIÓNS

A misión comercial a Noruega e a participación neste evento teñen como obxectivo "buscar novas vías de investimento e colaboración para as empresas dos sectores naval e metalúrxico". Así, as vendas galegas a Noruega alcanzaron no 2018 os 111 millóns de euros nas que están implicadas 274 empresas.

O incremento do naval no primeiro trimestre do 2019 alcanzou os 700.000 euros ao país nórdico, cando en todo o 2018 sumaron 800.000 euros. Doutra banda, as exportacións a Noruega do sector do metal durante o ano pasado foron de 8,7 millóns de euros, mentres que no primeiro trimestre deste ano alcanzáronse os 3,2 millóns.

A través dos programas Foexga e Galicia Exporta, en 2019 e 2020 a Consellería de Economía investirá 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns con respecto a edicións anteriores. Por outra banda, apoiarase a preto de 1.000 empresas, que poderán acoller accións de internacionalización como misións comerciais directas, así como a participación en feiras internacionais e en eventos promocionais.

Estas dúas iniciativas forman parte dos programas que desenvolve o Igape para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización de empresa galega, que pretende manter "o bo ritmo explotador da Comunidade".

Estaleiros. EUROPA PRESS - Archivo
Estaleiros. EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta