Sogama fai unha nova proposta aos despedidos de Transportes Pacholo, acusada de "estafa" polos traballadores

Traballadores mobilízanse ante o Parlamento e acusan a Sogama de botar "balóns fóra" ante os problemas ambientais ou de precariedade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, anunciou en Comisión parlamentaria unha nova proposta de readmisión para o oito traballadores despedidos de Transportes Pacholo, coa que confía en que se solucione o conflito que se iniciou en abril e "se chegue a un bo acordo". A empresa está subcontratada pola UTE á que Sogama adxudicou o transporte dos residuos á planta situada en Cerceda.

O presidente de Sogama informa dunha nova proposta para os despedidos da subcontrata Transportes Pacholo
O presidente de Sogama informa dunha nova proposta para os despedidos da subcontrata Transportes Pacholo | Fonte: Europa Press

En coincidencia coa Comisión de Ordenación Territorial, concentráronse ás portas do Parlamento de Galicia un grupo duns 50 traballadores, que acusaron o presidente de Sogama de "botar balóns fóra" e non atender á situación de "precariedade laboral, delitos ambientais e ata estafa" da empresa Transportes Pacholo.

No Parlamento, Javier Domínguez Liño informou da última proposta transmitida a través do Consello de Relacións Laborais. Mantería, do mesmo xeito que a anterior que foi rexeitada pola parte social, que catro traballadores serían recolocados este ano para transporte para Sogama --tres deles en Cerceda e outro en Caldas--, dous deles antes do 31 de setembro e os outros dous antes do 31 de decembro.

A "novidade capital" sería a recolocación dos outros catro despedidos, antes do 31 de marzo de 2020, tamén en servizo de transporte de residuos a Sogama "preferentemente", aínda que sen especificar o lugar do servizo por estar vinculado a posibles xubilacións. En paralelo, a compañía propón negociar un "novo convenio colectivo". Unha proposta que, segundo Domínguez, demostra o "traballo silencioso" que se realizou desde Sogama ante a folga dos traballadores.

Así concluíu a súa intervención nunha Comisión rifa, na que realizou duras acusacións á parte social e aos traballadores, e na que En Marea, en palabras do deputado Antón Sánchez, reprochoulle actuar de "mamporrero" contra os traballadores, aínda que a palabra foi retirada a petición da presidencia da mesa.

O presidente de Sogama defendeu a "pulcritude" e "transparencia" da adxudicación do transporte de residuos que se realizou á UTE formada por Renfe, Copasa e Logirail. A UTE subcontratou a Transportes Pacholo, que incorporou a 47 traballadores da anterior compañía que realizaba o servizo. A eles, sumou outros 30 con outras condicións laborais.

Javier Domínguez argumentou que, ante os "incumprimentos" e as "ineficiencias" no servizo, a UTE rescindiu parte do contrato, o que provocou os oito despedimentos por parte de Transportes Pacholo.

Na súa intervención, deixou caer tamén que xusto despois das eleccións, o 27 de maio, cando se comunicou que se incorporaban ao traballo os condutores que secundaran a folga e reclamou "responsabilidade" "á parte social".

"Cando se demandan melloras hai que negocialas de forma transparente e non con trampas", remarcou, para lamentar que pese ao "gran esforzo" por chegar a acordos "a postura da parte social é inamovible" e haxa "falta de vontade".

"É incompresible que se queira manter folga con desgaste para todos cando hai solucións viables e razoables", cunha "saída digna ao conflito" que está a ser "rexeitada sen argumentos", agregou.

Na súa segunda quenda de palabra mostrouse moi crítico cos traballadores, aos que acusou de "falsidades" nos documentos e fotografías que o deputado Antón Sánchez mostrou, como exemplo das deficiencias no servizo.

Tamén rexeitou que as condicións sexan de "precariedade laboral" e deu cifras dos salarios. "Algún condutor cobra 2.400 euros mensuais" e os "ingresos medios" son de máis de 2.000 euros, con "dúas semanas traballando e case una de descanso", apuntou. "Se están tan mal non entendo que cando teñen ofertas doutras empresas queiran vir a Sogama, alguén mente", suxeriu.

Ademais, aseverou que os informes mostran un "escrupuloso cumprimento en materia laboral e ambiental" e cifrou en 4,5 millóns de euros a cantidade destinada en tres anos á mellora do servizo.

Nesta liña, o presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente tamén denunciou "comportamentos surrealistas" de traballadores, como "negarse a conducir por ter moscas na cabina ou por estar sucia a matrícula" e de realizar "numerosas sabotaxes" desde abril deste ano que, nalgún caso, "pon en perigo vidas humanas".

Por parte de En Marea, Antón Sánchez acusouno de "facer de avogado defensor da empresa" e incidiu en que "os despedimentos foron por represalias a traballadores que reivindicaban dereitos"

Tamén a deputada socialista Patricia Vilán censurou que o presidente de Sogama se lavase " as mans" no conflito e atacase os traballadores de forma "inxusta e ilegal". Fixo fincapé no "contraste" das chamadas ao "traballo silencioso" neste caso coa "voz do presidente da Xunta na defensa dos traballadores" da compañía privada Ence.

Pola súa banda, o deputado do PP Gonzalo Trenor pediu á oposición "que non intoxique" e vinculou as protestas ao período electoral. "Intoxicar é amparar actos vandálicos, confundir e pór por diante intereses electorais e partidistas", engadiu.

As súas acusacións ao BNG de ter "orquestrado e dirixido actuacións de escraches nas últimas eleccións e nas previas" provocaron as protestas da deputada nacionalista Montse Prado, que pediu que retirase estas acusacións "indecentes", aínda que a presidencia da mesa rexeitouno.

Montse Prado Cores tamén denunciou a falta de "condicións de seguridade" na subcontrata, de "mantemento" ou que se "circule con máis peso do permitido", pondo "en risco a vida destas persoas".

CONCENTRACIÓN DE TRABALLADORES

O presidente do Comité de Transportes Pacholo, Manuel Regueiro, na concentración de protesta ante o Parlamento, subliñou que os traballadores non aceptan nada que "non pase" poas oito readmisións, porque os despedimentos se derivaron da petición de "condicións de traballo básicas".

Ao seu xuízo, o presidente de Sogama "bota balóns fose dicindo que é un conflito laboral", porque "este é un conflito de medidas de seguridade, de delitos ambientais e ata de estafa".

O responsable do Comité incidiu en que os traballadores só piden que se iguale o salario aos traballadores que non foron subrogados, e que situou ao redor dos "1.000 euros mensuais en doce pagas", aos do convenio da provincia da Coruña.

Pero insistiu en que "isto é unha parte do conflito", que tamén pivota sobre as "precarias condicións laborais". Nesta liña, concluíu que a empresa utiliza estes "oito traballadores como escarmento e como reféns para evitar calquera negociación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta