A asemblea de Compostela Aberta referenda a decisión de Martiño Noriega de continuar como edil na oposición

As bases da marea santiaguesa apoian por aclamación que o aínda alcalde siga como concelleiro de maneira transitoria. Noriega comunicara aos seus afíns a decisión de marchar despois dos resultados das eleccións pero decidiu dar marcha atrás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 00:23

Comparte esta noticia

O aínda alcalde de Santiago e referente de Compostela Aberta, Martiño Noriega, seguirá como concelleiro na corporación local de forma transitoria despois de perder as eleccións municipais do pasado 26 de maio, nas que a marea compostelá deixouse a metade dos edís respecto de 2015 ao caer en 6.000 votos. Unha decisión que sorprendeu en determinados sectores pois fora o propio Martiño o que dixera aos seus afíns que deixaría o concello de Santiago se perdía as eleccións.

A decisión do tamén militante da formación nacionalista Anova recibiu o respaldo da asemblea de Compostela Aberta, que reuniu ás súas bases por primeira vez desde a cita coas urnas nas que pasou de primeira a terceira forza política por detrás do PSOE e o PP.

Así, os asistentes á asemblea celebrada na tarde noite deste xoves na sede de Compostela Aberta referendaron por aclamación que Noriega continúe como edil, encabezando o grupo da marea santiaguesa desde a oposición.

A diferenza do seu homólogo coruñés no últimos catro anos, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), que anunciou a pasada semana a súa retirada da primeira liña e o seu regreso á docencia, Noriega decide continuar, polo menos polo momento, na política local. Así, segundo fontes consultadas por Europa Press, asumirá a acta de concelleira co horizonte de exercer de referente do grupo de Compostela Aberta previsiblemente ata final de ano.

PRIMEIRA DERROTA NAS URNAS

Este xoves quedaron despexadas as dúbidas que existían sobre o futuro político de Noriega desde a noite electoral do pasado 26 de maio, cando Compostela Aberta perdeu a alcaldía da capital galega, que pasará a ocupar, previsiblemnte, o que foi rexedor santiagués durante máis dunha década, o socialista Xosé A. Sánchez Bugallo.

Esa mesma noite Noriega publicou unha mensaxe nas súas redes sociais no que avanzaba a súa intención de someter o seu cargo na corporación á opinión das bases da marea santiaguesa, que este xoves apoiaron a intención do aínda alcalde de recoller a súa acta como concelleira.

O santiagués, un dos denominados 'alcaldes do cambio' xunto con Ferreiro (A Coruña) e o ferrolán Jorge Suárez, decide así seguir na primeira liña política, un camiño diferente ao elixido polo rexedor herculino que volverá á universidade, onde imparte clases na Facultade de Dereito da UDC.

Martiño Noriega someterá o seu posto no concello de Santiago á decisión das bases de Compostela Aberta. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Martiño Noriega someterá o seu posto no concello de Santiago á decisión das bases de Compostela Aberta. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

AUTONÓMICAS EN 2020 E FUTURO DE ANOVA

Agora, e tras sumar a primeira derrota nas urnas da súa carreira política --venceu as municipais de 2007 e 2011 (en Teo e co BNG); e as de 2015 con CA--, Martiño Noriega aposta por continuar na política activa a pouco máis dun ano para as eleccións galegas, previstas para setembro de 2020 se non se produce un adianto.

Na noite do pasado 26 de maio, na comparecencia ante os seus tras confirmarse a perda do goberno local, o político nacionalista realizou unha alegación en defensa da "unidade popular" das forzas de esquerda como "única forma de disputar hexemonías".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Próculo

O 061 é moi traballoso

1 tirabeke

E éntra-se "enchufado"...o que non viste moi ben......