Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/06/2019 | Actualizada ás 14:14
O suicidio é a principal causa non natural de mortalidade en Galicia. De feito, os galegos somos, canda os asturianos, os que presentamos a maior taxa de suicidos en España. A taxa de suicidios en Galicia é de 11,9 persoas por cada 100.000 habitantes, fronte a media española de 8,7 suicidios por cada 100.000 habitantes, segundo datos do Movemento Galego de Saúde Mental. Pero nesas estatísticas non se achan as persoas que sobreviviron a un intento de suicidio e que, nalgúns casos, poden seguir mostrando riscos autolíticos.
Un equipo de científicos analizou os factores que poden permitir predicir o risco de repetición dun intento de suicidio nunha mostra de pacientes ambulatorios en Galicia. O estudo fíxose coa aprobación do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia.
Dunha mostra de 319 pacientes, atoparon que en 29 casos –o 9%– se repetiu o intento de suicidio, dos cales 22 –o 76%– fíxoo durante os primeiros 6 meses tras o primeiro intento e durante o programa de atención que se lles presta. Destes reincididentes, sete –o 24%– tiñan unha historia de intento previo durante un período inferior a 180 días ao intento índice.
O método máis empregado polos suicidas é a intoxicación medicamentosa, utilizada polo 76% dos casos analizados. Un método que é o que máis se repite en sucesivos intentos, no 93% dos casos.
O estudo connclúe que a sobreinxesta de fármacos como método de intento e reintento de suicidio, ademáis do tempo transcorrido desde o intento previo, son os factores de risco destacados asociados á repetición de intento de suicidio, “de aí a importancia de identificar os pacientes con historia de intento de suicidio para levar a cabo unha intervención máis intensiva e un axuste adecuado do tratamento, sobre todo nos primeiros 180 días”.
Con este estudo preténdese identificar os predictores de suicidio en pacientes con repetición de intento e que se atopan en seguimento no programa de intervención intensiva.
Os resultados do traballo publícanse na Revista de Psiquiatría y Salud Mental e están asinados por está asinado por profesionais do Servizo de Psiquiatría e da Unidade de Adiccións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU, da Unidade de Metodoloxía e Estatística do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e do Centro de Investigación en Red de Salud Mental (CIBERSAM).
As achegas deste estudo son importantes, xa que segundo José Luiz Gómez, médico forense encargado de facer diagnósticos de suicidios, Galicia está entre os dez países con máis suicidios da Unión Europea, sendo no que máis suicidios se cometen Lituania, con 30 por cada 100.000 habitantes. Segundo este experto, os países nórdicos son potencialmente suicidas, e en cifras parellas a estes sitúase Galicia, por riba dos 10 suicidios por cada 100.000 habitantes, chegando a superar os 20 en zonas de Ferrol ou Lugo, segundo o médico.
En Galicia tamén hai preocupación polas altas taxas de suicidio na mocidade. O suicidio é a terceira causa de morte no grupo de idade de 15 a 29 anos, superado só polas causas externas de mortalidade e os tumores, de acordo co Instituto Nacional de Estadística INE. Un estudo estatal sobre o suicidio e as causas que poden levar a este tipo de actos apunta a Galicia como a autonomía coas taxas máis altas na poboación nova, con 7,16 suicidios por cada 100.000 mozos, a cifra máis elevada no Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.